Inicio Noticias Xerais F-7. XORNADA DE CLAUSURA
 
 

F-7. XORNADA DE CLAUSURA

ADR Numancia de Ares. Xantar de Sª Catalina. 02/06/12GRAN AMBIENTE EN STª CATALINA


Outro éxito de convivencia na xornada de clausura do F-7 do Numancia.

Ares, 3 de xuño de 2012
A mañá do sábado presentábase cunha lixeira chuvieira que ameazaba con estragar o día pero todo quedou en falsa alarma e os nosos “cociñeiros”, Pepe, Costa e Juan, dispuxéronse coas brasas para preparar  un excelente  churrasco, saboreado (daba gloria velos comer) mesmo polos máis pequechos. Paralelamente, os “outros” preparamos as mesas e intentamos decorar o magnífico comedor do mosteiro coa bandeira e os trofeos conqueridos esta temporada polos nosos benxamíns. Circulaban comentarios salientando as magníficas instalacións do Numancia e a canteira pétrea aresán.
Preto da hora do xantar, as mamás repartiron as tortillas, pizzas, empanada e churraco entre os nenos e nenas, os primeiros clientes da xornada. Esta operación estivo “controlada” polo capitán Fran Bardanca, encargado dos pases para o banquete.
Pouco a pouco foron chegando os comensais e entre os invitados deste evento contamos coa presenza do noso párroco, d. Antonio, xeneroso e participativo como xa todos sabemos. Por suposto, tamén estivo presente José Juan Vilar, concelleiro de deportes aresán e numantino confeso, ao que lle agradecemos a súa colaboración no desenvolvemento desta clausura, cedendo as instalacións. Tampouco podemos esquecer a colaboración do CIRS de Cervás, sociedade que nos prestou as cadeiras e as grellas para o churrasco.
Quedaba a parte principal da xornada: o sorteo da camiseta regalada polo deportivista JUAN DOMÍNGUEZ, co dorsal nº 28 que durante esta temporada 2011-12 aportou a calidade que necesitaba o equipo coruñés, levándoo ao ascenso á primeira división. Fran Bardanca e Andrés Riveiro repartiron rifas entre os nenos e nenas, e alí estaban todos, en primeira fila, expectantes e ilusionados. E a primeira alegría foi para Martina, xogadora do equipo prebenxamín e filla do gran Oliveira (veremos quen pon a camiseta!). D. Antonio (que previamente probara a camiseta) foi quen lla entregou a Martina.
Pasado este primeiro sorteo, os nenos e nenas seguiron no mesmo sitio, agardando polos outros agasallos. A ilusión brillaba nos seus rostros. Era o momento de sortear as tres camisetas e unha viseira regaladas pola web WWW.MUCHACALIDAD.COM Nese intre tamén colaborou Jorge Martínez, axudando na entrega dos obsequios.
Non remataban aí os regalos. Os vales ofrecidos pola empresa SOLUCIONES BORDADAS para personalizar as botas e as caneleiras suscitaban moito interés. Ninguén quería quedar sen o seu vale. E con paciencia e entusiasmo, Fran Bardanca foi anunciando os 50 números con dereito a premio. Cada número acertado era celebrado con gran xúbilo. Cando se esgotaron os vales, chegou a hora dos chaveiros do concello. Todos levaron algo e tamén as familias, porque o concello de Ares quixo premiar aos asistentes a esta comida de confraternidade cun precioso chaveiro portando o escudo de Ares.
Non podemos finalizar esta crónica sen mencionar a petición dos benxamíns, entrando todos xuntos e coreando: “Pedro, quédate; Pedro, quédate …” sorprendéndonos a todos e conseguindo emocionar ao seu adestrador. Fermoso detalle destes nenos, os grandes triunfadores da presente temporada, proclamándose campións de liga e subcampións de copa. Extraordinaria campaña de todos eles.
Como colofón, paseos polas baterías da Bailadora ou descanso e xogo nos claustros do mosteiro.  Unha xornada de luxo, nunhas instalacións de luxo e nunha contorna de luxo.
E para a próxima temporada, máis e mellor.

 

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.