Inicio Noticias Xerais IX TORNEO R.C. DEPORTIVO
 
 

IX TORNEO R.C. DEPORTIVO

BENXAMÍNS E ALEVÍNS NO MUNDO DO FÚTBOL
Honrosa participación en Abegondo

Ares, 20 de maio de 2012
Estes foron os resultados no torneo celebrado o pasado xoves,17 de maio, nos campos de Abegondo:

CATEGORÍA ALEVÍN:
Numancia, 1 – Dumbría, 0
Numancia, 1 – Céltiga B, 2
Dumbría, 1 – Céltiga B, 0

COMENTARIO: Comezaba o campionato cun gol conseguido por Alejandro ante o equipo do Dumbría, un equipo superior fisicamente e que tivo as súas ocasións de gol na segunda parte, co vento a favor. Un resultado que favorecía as expectativas de clasificación aínda que dentro da igualdade que se presumía. No segundo partido, comezabamos exactamente igual que no primeiro partido, cun gol de Alejandro na primeira parte pero nos segundos dez minutos non se puido aguantar o resultado e os rapaces da illa de Arousa remontaron o partido. Por último, no terceiro partido, a vitoria do Dumbría deixaba aos tres equipos empatados en case todo, e cando xa estabamos agardando para os lanzamentos de penalti, desde a organización nos aclararon que se clasificaba o Céltiga B, vencedor no enfrontamento co Numancia.


CATEGORÍA BENXAMÍN:
Numancia, 1 – Montañeros B, 0
Arzúa, 2 – Montañeros B, 1
Numancia, 2 – Arzúa, 1

COMENTARIO: Moita igualdade tamén no grupo dos benxamíns, onde o equipo que perdeu os dous partidos, o Montañeros B, amosou un exquisito trato co balón realizando triangulacións e pases continuos entre os seus xogadores. No primeiro partido o Numancia inclinou ao seu favor o marcador cun trallazo de Pablo. No terceiro e último partido do grupo, o Numancia necesitaba a vitoria se quería clasificarse e tivo que pelexar ata o último segundo. Adiántouse no marcador cun gol de pillería, sacando rapidamente Pablo unha falta para que Juan elevase o balón por riba do porteiro. Era na primeira parte e co vento en contra. O partido ía ben encamiñado. Na segunda parte, cando máis dominaba o Numancia, chegou unha xogada na que non se entenderon Migui e Rubén e o Arzúa conseguiu o empate. Aínda quedaban minutos e había que intentalo. E no último suspiro, unha internada de Juan na área rematou cun empurrón: penalti e gol de Pablo. Pasaban a dezaseisavos!. Había que xogar pola tarde!
Comida campestre, empanada, tortilla. As gradas de Abegondo cheas de nenos e familias que reparaban forzas agardando polos partidos da tarde. E nas filas numantinas preguntándonos como sería o rival da tarde, o Santa Mariña. Preocupaban bastante os seus resultados, con sendas goleadas pero tamén sabiamos que os partidos só se gañan ou se perden no terreo de xogo. Preto das cinco da tarde comezaba o partido e axiña puidemos observar que enfronte había un bo equipo mais tamén comprobamos que os nosos nenos non se amedrentaban e disputaban cada balón con toda a enerxía que lles quedaba. Poucas ocasións de gol, se acaso algo de sorte en dous disparos dos vigueses que finalizaron nos postes e o partido aberto a calquera desenlace. Finalmente, no último minuto, unha excelente xogada do dianteiro do Santa Mariña, un fermoso gol, puxo o punto final á participación do Numancia neste torneo.

Desde esta web queremos agradecer ao R.C. Deportivo a súa invitación e felicitalo pola excelente organización do mesmo. Coma en anteriores edicións, un éxito deportivo e de convivencia entre case douscentos equipos procedentes de distintos puntos da xeografía galega.

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.