Inicio Noticias Xerais PEÑA DEPORTIVISTA DE ARES
 
 

PEÑA DEPORTIVISTA DE ARES

TITÍN, PRESIDENTE: “A ASEMBLEA DE PEÑAS DEPORTIVISTAS DO 2013 SERÁ EN ARES”PEÑA DEPORTIVISTA DE ARES

A peña deportivista de Ares ten o seu local social no Hostal “Villa de Ares”, e alí quedamos esta tarde coa súa xunta directiva, representada polo presidente, Titín, o vicepresidente Manuel, a tesoureira, Matilde, e o secretario, Manel.
 
Ares, 3 de xaneiro de 2012
Nesta segunda reportaxe, repetimos o guión seguido onte coa peña barcelonista. En consecuencia, comezamos por interesarnos pola súa fundación, aínda que xa coñeciamos que levan poucos anos de existencia.PEÑA DEPORTIVISTA DE ARES
- Titín, cando se constituiu esta Peña Deportivista?
- A reunión na que asinamos a acta fundacional foi o 4 de novembro de 2005.
- E quen foron os socios fundadores?
- Eramos uns poucos: José Fernández Cabral, Manuel García García, Cristina Ocampo López, Francisco López Saavedra, Valentín Cartelle Iglesias (primeiro presidente), Dolores Fernández Lorenzo, José Rodríguez Martínez, Elisardo Pego Rodeiro, Mª Matilde Vázquez Varela, Ramón Rodríguez Martínez, Manel Pérez Prados e Lois Méndez Pérez.
 
“A PEÑA FUNDOUSE EN NOVEMBRO DO 2005”
 
- O local social sempre foi este?
- Certo, desde un principio tivemos esta sé, o Hotel Villa de Ares e esperamos seguir aquí moitos anos.
- Deses socios fundadores, na xunta directiva actual continuades algúns, verdade?
Si, segue Manuel García (vicepresidente), Manel Pérez (secretario), e eu como presidente. Completan a xunta directiva,  Matilde Vázquez (tesoureira) e Loli Fernández, Nacho García, Arturo Embade e Paco Somorrostro (vogais)
- Contades con moitos socios?
- Exactamente, somo 69 socios.
- Sodes todos de Ares?
- A maioría si, pero tamén hai xente de Ferrol, de Fene e mesmo un compañeiro que vive en Bilbao.
- Pódese pensar que se estades nunha peña futbolística é porque antes xogastes ao fútbol. Foi así no voso caso?
- Eu (Titín) só xoguei un ano nos xuvenís do Numancia, practiquei máis outro deporte tradicional e moi de Ares: podo presumir que fun o primeiro remeiro de banco móbil de Ares, deporte no que permanecín uns seis anos.
- No meu caso (di Manel) fun xogador e adestrador tanto do Numancia coma do Mugardos, e igual que Titín, tamén fun remeiro.
 
Céntrandonos na vosa asociación, sería interesante coñecer as actividades que organizades durante o ano.PEÑA DEPORTIVISTA DE ARES
- O motivo principal, a primeira razón da existencia dunha peña é a viaxe anual para acompañar ao equipo. No noso caso podemos lembrar as viaxes que fixemos desde a nosa constitución coma peña: a primeira viaxe no 2007 foi a Santander;  no 2008 desprazámonos a Pamplona; no 2009 o destino foi Bilbao; e no 2010 fomos a Sevilla. Coma curiosidade debemos salientar que onde nós estivemos, o Depor nunca perdeu (neste intre, o presidente toca madeira). Tamén podemos adiantar que este 2012 prevemos acudir ao partido que o Deportivo disputará en  Guadalaxara o 10 de marzo.
Estas viaxes comezan os sábados e rematan o luns pola mañá, cando voltamos. Collemos sempre a fin de semana completiña. De todos os desprazamentos, o máis concorrido foi o de Sevilla, no que xuntamos 44 persoas. Aproveitamos o fútbol pero tamén visitamos as cidades.
 
“O 10 DE MARZO IREMOS A GUADALAXARA”
 
- E celebrades veladas gastronómicas?
- Si, claro, trimestralmente organizamos unha cea-baile: a primeira en febreiro; outra en xullo e unha terceira no nadal. Sempre neste Hostal “Villa de Ares”.
- Que outras actividades levades a cabo?
- Organizamos unhas charlas-coloquio anualmente. Certamente estamos moi satisfeitos destas charlas, podo afirmar que dentro da Federación de peñas, estes coloquios teñen sona de ser dos máis importantes de todas as peñas. Por aquí pasaron os corpos técnicos da época de Caparrós e de Lotina, coa asistencia dos propios técnicos e de colaboradores coma Sambade e Franganillo; tamén acudiron xogadores do primeiro plantell: Arizmendi, Valerón, Aranzubía, Manuel Pablo, Felipe Luís, Manu, Juan Domínguez, Juan Rodríguez, Lopo,...
Queremos destacar que, mentres o resto de peñas teñen apadriñado un xogador, en Ares temos como socio de honor a Barros Botana, delegado do Depor e veciño de Redes
- Onde vos xuntades para ver os partidos?
- Non nos xuntamos especialmente, estando cerca de Coruña somos moitos os que nos desprazamos a Riazor para ver o partido.
- Unha pregunta interesada: como vos financiades?
- Pois coma outras peñas, sobrevivimos coas cotas dos socios, fundamentalmente. Despois temos unha porra de fútbol e a subvención do concello.
 
 
“CAPARRÓS, LOTINA, VALERÓN, ARANZUBÍA, ... PARTICIPARON NAS NOSAS CHARLAS”
 
 PEÑA DEPORTIVISTA DE ARES
 
- Queredes destacar algún episodio, en especial?
- Aínda está por chegar, e será dentro dun ano: podemos confirmar que se nos adxudicou a organización da Asemblea anual de peñas do Depor para o ano 2013.
- Precisamente, sabemos que hai máis de duascentas peñas deportivistas en Galicia. Mantedes vínculos con elas?
- Existe unha Federación de Peñas Deportivistas na que estamos integrados, somos socios da Federación e unha vez ao ano temos a asemblea.
Tamén se organiza unha cea anual entre peñistas e o Deportivo á que asisten directivos, xogadores, socios, etc... Celébrase sempre en Coruña, e este último ano foi en Palexco. Outros anos foi en Pastoriza, no Playa Club, ..
- Como é a vosa relación co Deportivo?
- Está canalizada a través de Barros Botana, quen nos proporciona os contactos e tamén do presidente da federación de peñas, José Ramón Pena, quen coordina todos os actos.
 
“BARROS BOTANA, DELEGADO DO DEPOR E VECIÑO DE ARES, É SOCIO DE HONOR DA NOSA PEÑA”
 
- Cal é o grao de “deportivismo” dos vosos socios? Séntese o equipo no corazón?
- Todos somos do Depor aínda que tamén é certo que máis dun socio noso tamén simpatizan con outros clubs.
- Compensa ser socio da peña?  Que vantaxes ten ser da peña?
- Cando se organiza a viaxe, a peña vólcase cunha aportación económica para abaratar o custe da viaxe. Tamén levamos dous anos celebrando unhas ceas homenaxe ao socio, onde todos os socios asisten gratuitamente á mesma.
- Ademais de socios da peña, tamén sodes socios do Deportivo?PEÑA DEPORTIVISTA DE ARES
- Paréceme que esta é unha das diferenzas con outras peñas. Aquí a maioría dos socios da peña tamén son socios do Depor.
- E co Numancia, mantedes algunha relación co club local? Acudides a ver os partidos do Numancia?
- Por suposto, hai xente que acode todos os domingos a ver o Numancia, comezando polos pais e nais que teñen os seus fillos xogando no Numancia e que acoden non só a Prados Vellos senón tamén acompañando ao equipo nos desprazamentos pola comarca. Nós mesmos fomos directivos do Numancia e seguimos sendo socios
- Este sábado ides participar no I Triangular de peñas futbolísticas aresás, organizado polo concello. Que opinades deste acto?
- Parécenos unha idea estupenda e hai que potenciala e repetila.
- Para este sábado xa sabedes quen van ser os voluntariosos/as que se van vestir de curto para enfrontarse aos “barcelonistas” e “madridistas”?
- Témolo moi difícil porque a maioría dos nosos socios, digamos que están nunha idade que supera os trinta anos e ademais, a metade son mulleres. 
- Como ides resolvelo?
- Teremos que considerar diversas posibilidades para poder completar o equipo.
- Á finalización dos partidos, deleitarédesvos cun xantar no Hostal “Villa de Ares”. Cantos seredes?
- A día de hoxe, e entre as tres peñas, podemos andar polas noventa persoas. 
 
Seguro que será un éxito este primeiro encontro das peñas. Pola nosa parte, agradecer a hospitalidade e atención destes “deportivistas” e desexarlle os mellores éxitos, especialmente ese ascenso á primeira división tan necesario para todos.
 
A seguinte e terceira reportaxe será coa peña madridista.
 

PEÑA DEPORTIVISTA DE ARESPEÑA DEPORTIVISTA DE ARES

 

 

 

 

 

 

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.