AFECCIONADOS: NUMANCIA, 0 - G. MUGARDOS, 4
CLARA SUPERIORIDADE DO G. DE MUGARDOS
O trofeo Festas de San Roque foi para Mugardos.
Ares, 14 de agosto de 2017.
A terceira edición do trofeo “Festas de San Roque” repetiu vencedor, proclamándose campión o Galicia de Mugardos nun partido con bastante público.
A primeira parte foi de maior dominio do G. de Mugardos aínda que con non demasiadas ocasións de gol. Ao final dos primeiros corenta e cinco m., o resultado era de 0 – 1. Tras o descanso, continuou a mesma dinámica: control do Mugardos e esporádicos contraataques do Numancia. E foron caendo os goles ata chegar ao resultado final.
Para o Numancia era o primeiro partido da pretemporada tras tres sesións de adestramento polo que á superioridade do rival xa esperada, houbo que sumar unha condición física moi desigual. Non obstante, estes partidos serven para ir collendo ritmo de partidos e poder chegar ao primeiro partido de Liga en boas condicións.
A aliñación inicial do equipo dirixido por Carballeira e José Antón foi a seguinte:
Cristian; Amenedo, Alberto, Juan, Oscar; Julio, Elías, Fran; Carlos, Iván e Espiñeira. Durante o partido foron entrando no campo Pita, Angel, Martín, Emi e Tito.
Ao final do partido, Luís Fuentes e Beatriz, representantes da Comisión de festas de "San Roque", entregaron os correspondentes trofeos aos capitáns dos dous equipos.
|
|
Galería das imaxes do encontro
Cabe mencionar tamén a entrega do premio á Regularidade da temporada anterior efectuada por Manel, representante de Bodegas e Vinos Ares. O xogador que obtivo a máxima puntuación foi Marcelo, un rapaz numantino que esta temporada non continuará no noso equipo xa que residirá fóra de Ares. A ADR Numancia deséxalle os mellores éxitos persoais e deportivos e agradécelle a entrega, seriedade e responsabilidade mostradas durante todos estes anos. E tamén, sabe que as portas do Numancia sempre estarán abertas.
Os próximos partidos dos afeccionados serán o venres, 18 de agosto co Cabanas, e o domingo, 20 co Eume. Os dous partidos disputaranse en Prados Vellos.