AFECCIONADOS. NUMANCIA, 2 – EUME, 2.

O TROFEO DECIDIUSE AOS PENALTIS


Partido correspondente ao I Trofeo Festas de San Roque de Ares disputado na tarde do domingo en Prados Vellos que rexistrou unha boa asistencia de público.


Ares, 16 de agosto de 2015.


FICHA TECNICA


NUMANCIA: Carlos, Martín Bouza, Pepe, Paulo, Antón (C), Adrián, Manu, Joaquín, Chapu, Edu e Roi. Tamén interviron no encontro Cristian, Amenedo, Álvaro, Borja, Alex Pita, Pedrós, Fernando, Ángel, Martín Pérez e Marcelo.


Adestrador: Marcos Antonio Amor Roel.


2º adestrador: Manuel Antonio Cartelle Permuy.


Delegado: Francisco Manuel Iglesias Pena.


EUME: Ángel, Oscar, Emilio, Gordillo, Seijas, Mario David, Pablo, Javo, Alex Pita, Alberto e Alfonso (C). Tamén interviron no encontró Jaime, Ramallo, Canosa, Regueiro e Fran.


Adestrador: Jaime Sánchez Fernández.


2º adestrador: Iban Mourente Fernández.


Delegado: Luís Miguel Pena Garabana.


COLEXIADO: Cristian Santos González. Mostrou tarxeta amarela a Chapu polo Numancia e a Javo polo Eume.


Partido esixente e de bo ritmo o que disputaron Numancia e Eume Deportivo na tarde de onte domingo en Prados Vellos e no que estaba en xogo o I Trofeo Festas de San Roque de Ares.


A primeira media hora de partido transcorreu con ritmo frenético aínda que con boa parte do xogo desenvolvéndose no medio campo cun Eume que tiña a posesión do balón, e os de Ares defendendo no seu campo tratando de sorprender á contra. Escasas chegadas ás portas rivais que foron resoltas sen maior contratempo polos respectivos gardametas.


No min. 31 chegaba o primeiro gol do partido despois dun gran pase de Mario David á banda contraria para a entrada de Alfonso e éste só ante Carlos báteo por abaixo para adiantar o Eume. No min. 40, chegaba o empate local tras transformar Chapu unha pena máxima. Pouco antes do descanso puido irse o Eume con vantaxe pero o disparo raso de Pablo foi interceptado cunha gran parada de Carlos. Co resultado de 1 - 1 marchamos aos vestiarios.


A segunda metade foi máis dos mesmo, o balón para o Eume e o Numancia, que fixo unha gran labor defensiva, tratou de levar perigo ao contragolpe e en xogadas a balón parado.


No min. 58, Canosa avisaba cun disparo dende o lateral esquerdo da área pequena que Cristian rexeitaba a córner. Non perdoaba pouco despois este mesmo xogador, e a un gran pase de Alex Pita na frontal quedaba só diante de Cristian e cruzaballe o balón ao pau longo para poñer o 1 - 2 no min. 64. Tivo o empate o Numancia á saída dun córner pero nin Paulo nin Antón atoparon os tres paus.


Puido ampliar a súa vantaxe o Eume pero o disparo raso dende a dereita de Alex Pita era detido por Cristian. Repetía de novo Alex Pita dende a mesma banda, pero entre Cristian e Álvaro rexeitaban un balón que caía na frontal da área pequena dende onde Canosa tamén o intentaba cun disparo a queimarroupa que era desviado pola defensa local.


Tocaba a quenda aos de Ares e á saída dun córner Ángel aproveitaba un balón rexeitado para poñer o empate 2 - 2, no min. 78. Na xogada seguinte nova ocasión para Canosa, pero de novo encontrábase con Cristian. De aquí ao final algunhas tímidas chegadas pero o tempo xa non deu para máis polo que houbo que recorrer á quenda de penaltis. Nos lanzamentos dende o punto da pena máxima o maior acerto dos eumeses permitiulles levarse o I Trofeo Festas de San Roque de Ares.


En resumo gran partido o disputado a pasada tarde en Prados Vellos polo Numancia ante un Eume máis rodado, moi físico e ben conformado que fixo traballar duro ao conxunto de Ares. Sen dúbida un partido ben aproveitado polo técnico local que deu minutos a todos os xogadores da plantilla de cara a ir perfilando e collendo a forma de cara ao inicio da temporada.


Unha vez finalizado o partido, o Presidente da comisión de Festas de San Roque de Ares, D. Luís Fuentes fixo entrega do trofeo de subcampión ao Numancia, e o Presidente de honra da devandita comisión, D. Ángel Iglesias o de campión ao Eume Deportivo.


Dende o Numancia agradecer á comisión de festas de San Roque de Ares a súa colaboración para a organización deste trofeo. E ao Eume os nosos parabéns pola vitoria e o agradecemento pola súa participación.

 

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.