AFECCIONADOS (Pretemporada). NUMANCIA, 6 – BARALLOBRE, 2.
PRESENTACION EN SOCIEDADE
Na tarde de onte o equipo de modestos do Numancia de Ares temporada 2015-16 presentábase en sociedade ante a súa afección disputando un partido amigable fronte a S.D. Barallobre.
Ares, 9 de agosto de 2015.
FICHA TECNICA
NUMANCIA: Cristián, Paulo, Pepe, Antón, Pedrós, Teti (C), Manu, Joaquín, Chapu, Borja e Alex Pita. Tamén participaron no encontró Amenedo, Carlos, Adrián Ramos, Álvaro, Fernando e os xogadores xuvenís Martín, Marcelo e Ángel.
Adestrador: Marcos Amor Roel.
Delegado: Manuel Antonio Cartelle Permuy.
BARALLOBRE: Jose (C), Brais, Pena, Adrián, Oscar, Pedro, Pablo, Estupa, Sergio, Nico e Yago. Tamén participaron no encontro Bruno, Garecho, Rico, Diego, Juan e Alex.
Adestrador: Víctor López.
2º adestrador: José López.
Delegado: José Eugenio Feal.
ARBITRO: Álvaro García Santaeufemia. Sen incidencias.
GOLES:
1 - 0: ALEX PITA (min. 4). Pase en longo de Teti sobre a entrada de Alex quen ante a saída do porteiro picalle o balón por arriba.
2 - 0: CHAPU (min. 39), penalti sobre Alex Pita que transforma Chapu.
3 - 0: CHAPU (min. 46), disparo de Chapu con moita intención dende o círculo central que sorprende o porteiro visitante.
4 - 0: BORJA (min. 52), apertura de Chapu ao lateral esquerdo da área para a entrada de Borja quen supera por alto a saída do porteiro.
4 - 1: JUAN (min. 63), pena máxima transformada por Juan.
5 - 1: PEPE (min. 67), lanzamento maxistral de libre directo de Pepe dende o pico dereito da área que supera o porteiro por arriba.
6 - 1: MARCELO (min. 76), xogada na frontal da área de Ángel, apertura á esquerda para Marcelo quen se vai do seu marcador para cruzar o balón o fondo da rede.
6 - 2: DIEGO (min. 87), falta de entendemento entra a defesa e o porteiro local do que se aproveita Diego para meter o pé e marcar a porta baleira.
Volvía a rodar o balón para o Numancia de modestos. O primeiro equipo estreábase na temporada 2015-16 ante a S.D. Barallobre nun partido amigable que rexistrou una boa asistencia de público.
A primeira parte comezaba cos locais tomando a iniciativa do xogo o que propiciou que se adiantasen no marcador co gol de Alex Pita. Pouco a pouco os de Barallobre fóronse espertando pasando a coller o control durante uns 15 ou 20 minutos, tempo no que Pablo e Estupa tiveron as mellores ocasións visitantes para empatar o partido. No tramo final as forzas igualáronse e o gol de penalti marcado por Chapu permitiu aos de Ares irse ao descanso cun parcial de 2 - 0.
Na segunda metade moitos cambios en ambos os dous equipos para dar minutos, probar xogadores, posicións e estratexias, que en definitiva son a finalidade destes partidos. Na reanudación, nada máis sacar, Chapu sorprendía a todos cun forte disparo dende o punto central do campo para establecer o 3 - 0, e pouco despois Borja o 4 - 0. Juan de penalti acurtaba distancias, 4 - 1. Os minutos ían pasando e os de Ares fóronse apoderando dun partido que levaron claramente ao seu terreo. Un maxistral libre directo de Pepe poñía o 5 - 1 e Marcelo o 6 - 1. No tramo final Diego establecía o 6 - 2 definitivo.
En resumo, primeira proba saldada con éxito para o equipo de Marcos Amor que neste partido repartiu os minutos entre os 19 xogadores dispoñibles; facendo prácticamente dous equipos en cada tempo. Rodaxe, traballo e partidos esixentes é o que necesita este equipo de xóvenes xogadores para seguir collendo ritmo de cara ao comezo da competición o vindeiro 6 de setembro.
Os próximos partidos do Numancia serán o xoves 13 de agosto as 20:30 en Prados Vellos ante a SD Orillamar de A Coruña e o domingo 16 de agosto as 19:00 ante o Eume Deportivo tamén en Prados Vellos; neste partido disputarase o “Iº Trofeo Festas de San Roque”.
¡!!!Esperamosvos a tod@s¡¡¡