AFECCIONADOS. NARON, 1 – NUMANCIA, 1.

UNHA MAREA DE ILUSIÓN

Partido correspondente a Semifinal - Ida da Copa Delegación de Ferrol disputado na tarde do domingo nun campo de O Cadaval en Piñeiros que rexistrou unha magnífica entrada con invasión incluida da Marea Vermella. O resultado no tempo de descanso era de 1 - 0.
 

Narón, 31 de maio de 2015.

FICHA TÉCNICA:

NARÓN BALOMPÉ: Óscar, Jose, Luís, Iván, Larry, Roberto (C), Alex (Manu 82´), Cokito, Peli (Marbin 89´), Jesús (Leira 84´) e Bertito (Marcos 76´).

Adestrador: Jesús Peña Díaz.

Delegado: José Luís Pernas Cacheiro.

NUMANCIA: Carlos, Álvaro (Paulo 82´), Martín, Antón, Pepe, Teti (C), Adrián (Pedrós 79´), Julio (Fernando 85´), Alex Pita (Juan 87´), Borja e Chapu.

Adestrador: Marcos Amor Roel.

2º Adestrador: Manuel Cartelle Permuy.

Delegado: José Ramón Hermida Varela.

COLEXIADO: D. Víctor García Villaverde, asistido por D. Francisco Piñón López e D. Brais Leira Fernández. Amoestou a Antón, Teti e Pepe no Numancia.

GOLES:

1 - 0 (JESÚS) Falta sacada de forma rápida con pillería polo Narón, centran dende a banda dereita e Jesús entrando dende atrás no segundo pau remata a pracer. (minuto 20).

1 - 1 (JULIO) Balón interior de Borja sobre Chapu quen remata forzado ao corpo de Óscar. O rexeite o recibe Julio quen se prepara para golpear e anota con sutileza o empate para o Numancia (minuto 75).

 



CRÓNICA:

Ambiente de gala en O Cadaval nunha tarde de domingo con nubes e boa temperatura para xogar e disfrutar do fútbol. Narón e Numancia buscaban un resultado positivo para achegarse á final de Copa.

Comezou moi ben o Numancia espoleado pola Marea Vermella desprazada en masa a Narón. Os primeiros 15 minutos de partido foron dos numantinos. Julio lanzaba unha falta que despexaba Óscar, Chapu cabeceaba un balón fora e Alex Pita e os demais xogadores do Numancia en balóns colgados facían traballar ao gardarredes local nun primeiro tramo de partido de dominio aresán. O Narón cando conseguía sair á contra o facía con perigo principalmente polas bandas. No minuto 20 chegaba o 1 - 0 obra de Jesús nunha xogada de pillería local que sorprendeu aos xóvenes xogadores do Numancia. Acusaron o golpe os numantinos, tendo o Narón dominio e chegadas a área de Carlos durante os seguintes minutos. Reaccionaba o Numancia cunha falta colgada por Julio que Teti remataba de cabeza pero Óscar facía unha gran intervención sacando o balón da escuadra. Posteriormente internada de Peli por banda dereita e remate de Bertito por fora. Respondía o numantino Adri cun disparo frouxo que atallaba Óscar. Carlos colgaba unha falta e Antón remataba lixeiramente alto. Respostaba o Narón cunha fermosa volea de Bertito na que Carlos facía unha gran parada. Estaban inspirados os porteiros xa que Óscar sacaba unha man abaixo a disparo de Chapu cando a parroquia numantina xa cantaba o gol. No minuto 43 aparecía a polémica xa que o colexiado a instancias do asistente anulaba un gol a Julio por suposto fora de xogo. Cun partido moi aberto, entretido e con vitoria pola mínima do Narón chegabamos ao descanso.

Na reanudación ambos equipos chegaban tímidamente as áreas rivais. Outros ataques eran anulados polos xuices de línea (moi participativos durante todo o partido). Nos primeiros minutos da segunda metade chegaba tamén a anécdota do partido cando rompían as lubas do noso porteiro Carlos, tendo que ir él mesmo ao vestuario a polas lubas de reposto. Eran boas as lubas de reposto porque no minuto 54 Carlos sacáballe o balón do pé a Bertito cando se dispoñía a rematar. Respondía Julio minutos despois cun disparo moi alto. A segunda metade non comezaba tan aberta como a primeira, pero no último tramo de partido volveron as ocasións. Tivo o Numancia a igualada nun remate de cabeza de Chapu que sacaba un defensa á córner e nunha chilena de Borja que marchaba lixeiramente fora. No minuto 75 chegaba a xustiza a Piñeiros xa que Julio anotaba o 1 - 1 premiando o gran traballo numantino durante todo o partido. Cinco minutos despois Borja disparaba pero novamente o gardarredes local Óscar respondía cunha fenomenal parada. Nos últimos minutos o Narón empuxou e os atacantes obrigaron a Carlos a facer duas boas intervencións e tamén enviaba dous balóns fora. Co 1 - 1 coñecido chegabamos ao final do partido.

En resumo, gran partido digno dunha semifinal de Copa ofrecido por Narón e Numancia e que contou cun ambiente de gala en O Cadaval. A bandeira de EU SON NUMAN foi o símbolo principal dunha masiva Marea Vermella que apoiu con gritos de ánimo, aplausos e bocinas ao Numancia neste importante partido de Copa.

En definitiva, gran traballo dos nosos xogadores ante un equipo de Primeira Autonómica. O Numancia conseguiu unha mínima vantaxe na eliminatoria xa que conseguiu empatar e marcar un gol (que vale dobre) a domicilio. Queda todo para o partido de volta, que será na nosa casa. O domingo as 19:00 Prados Vellos ten que presentar un cheo. Estudiarase a posibilidade de poñer gradas supletorias, porque queremos que TODO ARES suba a apoiar ao Numancia neste partido de volta da semifinal de Copa. Numancia - Narón o domingo as 19:00 en Prados Vellos co pase a gran Final de Copa en xogo. ¡¡¡Contamos con Ares¡¡¡

O Numancia somos tod@s

"Si cada día coges un puñado de arena, formarás una montaña" (Buda)

¡¡¡AUPA NUMANCIA¡¡¡

 

EU SON NUMAN

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.