AFECCIONADOS. NUMANCIA, 6 - ESTRELLA, 1

TARDE TRIUNFAL DE CHAPU - GOL.

Tripla do dianteiro aresán en Prados Vellos reafirmando a súa recuperación total despois da lesión e demostrando, unha vez máis, o seu olfacto goleador.

 

Ares, 29 de marzo de 2015

Partido correspondente á vixésimo sétima xornada da Segunda Autonómica, grupo cuarto, Ferrol, disputado en Prados Vellos. Nos prolegómenos do partido o concelleiro de deportes de Ares, d. José Juan Vilar, entregou os diplomas do curso de Primeiros Auxilios aos membros do Numancia. Tamén se realizou a entrega do desfibrilador, sendo Elena Fuentes, en representación do colectivo de mulleres numantinas, a encargada do acto. Finalmente, gardouse un respectuoso minuto de silencio en memoria da avoa do compañeiro José Antonio Couce e das vítimas do accidente aéreo ocorrido nos Alpes.

FICHA TÉCNICA:

NUMANCIA: Carlos (Cristian, m. 63); Álvaro, Martín, Pepe, Darío; Teti (C), Pedrós, Jesús (Borja, m. 65); Fernando (Julio, m. 65), Chapu (Roque, m. 71) e Alex Pita (Manu, m. 60).

Adestrador: Marcos Amor.

2º adestrador: Manuel Cartelle.

Delegado: José Ramón Hermida.

ESTRELLA: Víctor; Chema, Nécora (Luís, m. 46), Pirulo, Samu (Fran, m. 46), Jaime, Charla (C), Abraham (Sito, m. 74), Dilan (Brais, m. 79), Iván (Adrián, m. 56) e Iker.

Adestrador: Juan Niebla.

Delegado: Miguel Santalla.

ÁRBITRO: Cristian Santos. Amoestou con cartón amarelo a Jesús (Numancia) e a Iker (Estrella).

GOLES:


1 – 0 (m. 4): Córner lanzado por Pita ao primeiro poste e Chapu remata ao fondo das redes.

2 – 0 (m. 11): Penalti por derrubo a Pita que materializa Chapu.

3 – 0 (m. 46): Córner ao segundo poste que cabecea Teti.

3 – 1 (m. 62): Vaselina de Adrián diante de Carlos.

4 – 1 (m. 70): Balón dentro da área de Julio para Borja, quen controla no punto de penalti e dispara a pracer.

5 – 1 (m. 71): Desde o centro do campo, vendo ao porteiro adiantado, Chapu lanza coa súa esquerda un balón alto e forte que entra por alto, pegadiño ao traveseiro. Golazo.

6 – 1 (m. 84): Penalti a Manu que materializa Julio.

 



COMENTARIO: Con dous goles nos primeiros dez minutos parecía que o partido estaba encarrilado e que os locais ían ter un partido fácil. A realidade foi que o Estrella comezou a controlar máis o xogo e mesmo tivo un par de ocasións moi claras nas que se atopou cun extraordinario Carlos que, emulando a Casillas, primeiro salvou un gol cantado nun remate a un metro da liña de gol, e, máis tarde, desviou a córner un magnífico lanzamento de Abraham que entraba pegado ao poste. Certo é, que tamén o Numancia seguiu creando ocasións de gol, nas que Fernando, en dúas ocasións moi claras, puido conseguir o terceiro gol, ou o propio Chapu, nun deses remates de cabeza que case sempre acaban en gol pero nesta ocasión foi ás mans do porteiro. Por tanto, os afeccionados gozamos duns primeiros corenta e cinco minutos nas que as chegadas a portería foron constantes, con ocasións para os dous equipos.

Nada máis comezar a segunda parte, o gol de Teti, cabeceando magnificamente no segundo poste, sentenciou o resultado. Aínda que os visitantes acurtaron distancias no marcador, as forzas xa non eran as mesmas e mesmo a fe na remontada minguara moito co gol de Teti. Comezaron os cambios nos dous equipos e os dous goles numantinos conseguidos nun minuto xa pecharon a contenda. Por último, hai que salientar a feliz reaparición de Borja tras unha longa lesión e, pola contra, comentar que os últimos doce minutos o equipo aresán quedou cun xogador menos por mor da lesión sufrida por Pedrós, cando xa se realizaran os cinco cambios permitidos.

Con esta vitoria e os resultados que se produciron na xornada, o Numancia chega á cuarta posición na táboa clasificatoria, liderando o pelotón de equipos que van detrás dos tres primeiros clasificados. A falta de tres xornadas para o remate desta liga, xa podemos valorar moi positivamente unha temporada que comezaba con moitas dúbidas pero na que o equipo foi medrando xornada a xornada.

Despois desta Semana Santa na que non hai competición, descansando en todas as categorías, o Numancia volverá a xogar o domingo, 12 de abril, en Perlío.

Pulsa no seguinte enlace para ver resultados, clasificación e fichas técnicas da xornada.


Colectivo de Mulleres Numantinas co Presidente do Numancia eo Concelleiro de Deportes.Diploma de agradecemento as Mulleres Numantinas.

 

 

 

 

 

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.