AFECCIONADOS. NARAHIO, 1 - NUMANCIA, 2.

UNHA VITORIA DE TOD@S

Partido correspondente a 26ª xornada da Segunda Autonómica grupo 4 disputado no campo de A Veiga de Narahío ante unha gran afluencia de público de ambos equipos. O resultado no tempo de descanso era de 0 - 2.

 


Narahío, 22 de marzo de 2015.

FICHA TÉCNICA:

NARAHÍO: Javo, Sergio Busto, Ríos, Berto (Diego López 80´), Raúl (C), Casal, Pablo, Arturo (Zalo 65´), Rubén Freire (Alberto Naveiras 55´), Rubén Neira e Pocholo (Santalla 46´).

Adestrador: Germán Amil Silva.

Delegado: Miguel A. Novoa Toimíl.

NUMANCIA: Cristian, Alberto (Pepe 62´), Antón, Álvaro, Teti (C), Pedrós (Martín 53´), Adrián (Paulo 64´), Manu, Fernando (Roque 70´) Alex Pita (Carlos 89´) e Chapu.

Adestrador: Marcos Antonio Amor Roel.

2º Adestrador: Manuel Antonio Cartelle Permuy.

Delegado: José Ramón Hermida Varela

COLEXIADO: D. Rodrigo Serrano Naveiras. Amonestou a Pocholo, Ríos e Raúl no Narahío e Antón por parte do Numancia.

GOLES:

0 - 1 (CHAPU) Pase interior ás costas da defensa local de Manu a Chapu para que éste de tiro cruzado por baixo supere a Javo (minuto 3).

0 - 2 (ALEX PITA) Centro raso dende a banda dereita de Fernando para Alex Pita. Este fai varios regates dentro da área e supera cun disparo por alto a Javo (minuto 42).

1 - 2 (RUBÉN NEIRA) Balón longo do Narahío que Pepe non acerta a despexar. Rubén Neira anticípase e anota ante Cristian (minuto 87).

 

 



CRÓNICA:

Logo de caer o venres nun gran partido en As Pontes, o primeiro equipo do Numancia conseguía a vitoria no compricado campo de A Veiga de Narahío onde estivo moi arropado por unha gran representación da Marea Vermella.

Non podía comezar mellor o partido para os numantinos, xa que no minuto 3 un gran pase de Manu era aproveitado por Chapu para facer o 0 - 1. Os locais reaccionaban colgando balóns que apenas ocasionaban perigo ao noso equipo.

No minuto 20 parecía que o Narahío comezaba a chegar con algo mais de perigo, pero pronto Manu cun disparo alto, Alex Pita cun gran disparo que Javo enviaba a córner e Adrián cunha chilena que marchou algo alta nese mesmo saque de esquina avisaban de que o Numancia estaba forte e arroupado e quería levarse os tres puntos de A Veiga.

Abriuse o partido e os numerosos espectadores gozaban do sol e de chegadas as áreas por parte de ambos equipos. Os locais avisaban cun lanzamento de falta e un disparo alto. Como preludio o segundo gol, Chapu enviaba lixeiramente fora un disparo dende fora da área. No minuto 42 Alex Pita finalizaba unha xogada persoal dentro da área superando a Javo por alto establecendo así o 0 - 2. Antes do descanso os locais tiveron un disparo de Rubén Neira ao que respondeu moi ben Cristian para manter un resultado relativamente cómodo para o Numancia antes de retirarse uns aos vestuarios e outros a cantina de A Veiga.

Na segunda parte quixeron sair fortes os de Narahío cabeceando unha falta lateral que atallou ben Cristian. Os locais colgaban balóns que unha seria defensa do Numancia encargábase de alonxar da nosa portería. No minuto 50 Alex Pita a piques estivo de facer o terceiro pero Javo impediuno. As cousas seguían igual co Numancia sacudíndose o empuxe do Narahío e avisando de novo cun lanzamento de falta de Alex Pita que paraba Javo. No minuto 82 poido sentenciar Chapu pero o seu lanzamento atallouno Javo na mesma línea de gol. Houbo que sufrir xa que no minuto 87 nun balón colgado Rubén Neira anticipábase a Pepe e anotaba o 1 - 2 ante Cristian. Poido Chapu dar a tranquilidade definitiva pero o seu cabezazo marchaba fora. No tempo de desconto balóns colgados e saques de esquina do Narahío ben solventados polo Numancia. Como anécdota dicir que nese tempo o gardarredes do Numancia Carlos saía como dianteiro sustituindo a un extenuado Alex Pita. Con anécdota final e o que é máis importante cunha merecida e traballada vitoria do Numancia Rodrigo Serrano asubiaba o final do encontro.

En resumo e como dicimos, vitoria merecida e traballada do Numancia no difícil campo de Narahío nun partido que se antollaba compricado. Por sorte a gran primeira metade do Numancia, o bloque na segunda metade e a gran afición que apoiou ao equipo ata o final propiciaron que os numantinos asaltaran a terra do castelo e trouxeran tres valiosos puntos para Prados Vellos.

Continua o Numancia na 5ª posición distanciándose xa un pouco de equipos como Perlío ou San Mateo e tendo no punto de mira ao Ortigueira CF que e 4º cun punto máis co Numancia. Quedan 4 xornadas, visitan Ares o Estrella e o Mandiá e xogaremos en Perlío e en Ortigueira no último partido de Liga antes de loitar con todo na competición de Copa.

O próximo domingo as 16:30 en Prados Vellos, Numancia - Estrella antes de parar unha semana con motivo da Semana Santa. ¡¡¡Non faltedes¡¡¡

O Numancia somos tod@s

"Se hace camino al andar" (Antonio Machado)

¡¡¡¡AUPA NUMANCIA¡¡¡

Pulsa no seguinte enlace para ver os resultados, clasificación e fichas técnicas da xornada.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.