AFECCIONADOS. NUMANCIA, 0 - MIÑO, 3.

ADR Numancia de Ares. Afeccionados 2011-2012. Numancia 0 - Miño 3. Prados Vellos 30/10/11.PARA ESQUECER.

Aos aresáns faltoulles a garra, a concentración e a convicción que amosaron noutros partidos e deixaron escapar tres novos puntos


Prados Vellos 30 de outubro de 2011.

ALIÑACIONS:
NUMANCIA: Iván, Martín, Teti, Jauma, Pedro Machado (Jorge 46´), Sylla (Javi Enrique 46´), Alex, Zeta, Rubén (Costa 46´), Javi e Manu (Carlos 70´).

MIÑO: Adrián, Lata, Samuel, Lucho, Darío, David Fachal (Faus 62´), Hector (Guille 75´), Chema, Moreira, Miguel (Felix 71´) e Bruno (José Carlos 53´).

COLEXIADO: José Luís Corral Franco (Delegación de Ferrol). Amonestou a Manu, Javi Enrique e Zeta polo Numancia. Polo Miño amonestou a Lucho e Guille. Expulsados Zeta e Javi do Numancia e Samuel do Miño.

GOLES:
Miño: Pedro Machado (p.p.) (min. 4), Moreira (min. 33) e Chema (min. 77).

 

 



Mal partido dos aresáns en Prados Vellos, que amén do resultado, deron unha pésima imaxe hoxe ante a súa afección. Hoxe vimos a un Numancia irrecoñecible, non vimos a ese Numancia loitador, concentrado e metido no partido ao que estabamos afeitos nas últimas xornadas. Vimos a un Numancia falto de ritmo e descolocado, que se viu superado por un equipo máis motivado e que tiña claro ao que viñera a Ares. Non é que o Miño fose superior e arroiase aos de Ares. Pero se viu un equipo máis loitador e coas ideas máis claras. Que ao pouco que fixo, máis que os locais, sacaron petróleo e leváronse tres merecidos puntos.

O partido comezaba mal para os de Ares, pois aos catro minutos un gol en propia porta puña por diante ao Miño. Non houbo reacción por parte local e os visitantes, con pouco xogo, pero con máis ganas e balóns en profundidade eran os que creaban o perigo. Nun deses balóns, indecisión na defensa aresa, e o balón estrélase no traveseiro, o rexeite aprovéitao Moreira para marcar a porta baleira o segundo gol visitante, corría o minuto 33. Con este resultado de 0 - 2 marcharíamos ao descanso.

Nada máis iniciada a segunda metade, os de Ares fallan un penalti, desaproveitando a oportunidade de acurtar distancias no marcador. Os cambios introducidos no descanso achegaron algo de profundidade ao Numancia, que tivo uns quince minutos de melloría, pero faltoulles definición. Á media hora da segunda metade chegan as expulsións de Javi e Zeta, unha magoa de cara ao próximo partido. Na mesma xogada o Miño tamén queda cun menos. Pouco fútbol de aquí ata o final do partido. No minuto 77 unha xogada por banda do Miño, con centro ao segundo pau que baixa Chema co peito, vaise ao centro e de disparo cruzado bate a Iván para establecer o 0 - 3 definitivo.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.