XUVENÍS. NUMANCIA, 3 - CEBARCA, 2

SDR Numancia de Ares. Xuvenis 2009-2010. Numancia, 3 - Cebarca, 2. Prados Vellos.CURTA RENDA PARA SEGUIR SOÑANDO

Partido de ida das semifinais do torneo de xuvenís da AFACO. Gran ambiente en Prados Vellos coa asistencia de numeroso público.

Ares, 5 de xuño de 2010.
NUMANCIA: Fivi, Coco (Álvaro), Martín, Jorgito, Antón (Pablo), Pita (Víctor), Manu, Julio (Juanra), Dani, Jorge e Pedro.
GOLES:
1-0: Mediada a primeira parte, unha boa acción de Julio que controla e se interna na área, batendo por baixo ao meta visitante.
1-1:  Ao inicio da segunda parte, o árbitro indica un libre indirecto na área local, por falta técnica a Fivi. Ao saque da falta, e de potente disparo, o Cebarca consegue o empate.
2-1: Poucos minutos despois, Jorgito remata co pé unha xogada de estratexia.
2-2: Nos últimos minutos do partido, un balón alto á frontal da área numantina, non é despexado por Jorgito e o balón aprovéitao un dianteiro do Cebarca para colocar un bo disparo que se cola forte e ladeado na portería de Fivi.
3-2: No último suspiro, Pablo (acababa de entrar no campo) executa unha falta desde o centro do campo, e o balón supera por alto ao porteiro do Cebarca.
 

COMENTARIO:
Partido moi igualado como se presumía desde o principio nun choque destas características. Na primeira parte o Numancia saiu moi nervoso, cometendo moitas perdas de balón e moitas faltas. Foi o Cebarca o que dispuxo da primeira gran ocasión nun balón que se paseou por diante da portería aresá. Porén, pouco a pouco o Numancia foi soltando a mochila que o atenazaba e golpea primeiro co gol de Julio.
Na segunda parte, moito máis dominio do balón do Numancia, e froito dese dominio chegan varias ocasións, sobre todo en accións de estratexia, nas que os locais conseguen tocar todos os balóns aínda que sen demasiado acerto. Boa ocasión para Pita que case sin ángulo de tiro a piques está de conseguir o segundo gol para os aresáns. Mais, como ocorre moitas veces no fútbol, consegue empatar o Cebarca nunha acción desafortunada mediante un libre indirecto dentro da área. O Numancia reponse axiña e por medio de Jorgito consegue adiantarse de novo nunha acción de estratexia. Continúa o dominio do Numancia que non acerta a aumentar a distancia no marcador, a pesar de contar de novo con grandes ocasións, en especial, unha de Víctor tras gran xogada de Dani que desbarata o porteiro do Cebarca cunha gran intervención. Xa finalizando o partido, novo mazazo para as filas numantinas cando o Cebarca empata nunha das poucas aproximacións desta segunda parte. Porén, cando o partido agonizaba, a pé esquerdo de Pablo sacou un gran golpeo para dar a vitoria, cremos que xusta, ao Numancia, visto todo o partido.
Encontro enormemente deportivo disputado polos dous equipos e, como era previsible, todo se decidirá no partido de volta na Barqueira. Foi un partido no que puidemos observar  un gran compromiso, concentración e implicación de todos os xogadores numantinos, de xeito que resulta difícil destacar a alguén sobre o resto. No Cebarca, gran partido do porteiro, a pesar do fallo relativo do último gol, pero con varias intervencións moi afortunadas que mantiveron ao seu equipo non só no encontro, senón na eliminatoria.
Pese á distancia que nos separa de Ares a Cebarca, esperamos unha gran mobilización dos siareiros numantinos para apoiar aos chavales. Necesitarémolo porque alí imos ter que sufrir os noventa minutos. O que si podemos asegurar é que os xuvenís van dar todo o que teñan dentro para conseguir chegar á final. Como nas eleccións dos oitenta “aínda que chova, desprázate a Cebarca”. Se conseguimos ir moitos seguro que os rapaces o van notar. Mobilización XA, necesitamos o voso apoio. Hoxe máis ca nunca a marea vermella tense que facer notar.
AÚPA NUMAN.
 

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.