XUVENÍS. G. CARANZA, 2 - NUMANCIA, 0
SUBCAMPIÓNS DA COPA DE FERROL
O mércores disputouse na Gándara a final de Copa de Ferrol cunha bancada chea de siareiros.
Ares, 19 de maio de 2017.
O mércores 17 de maio, día das Letras Galegas con homenaxe ao escritor Carlos Casares (tamén xogara de cativo ao fútbol), as instalacións da Gándara acolleron as finais de Copa de F-11, pechando a xornada o partido de xuvenís entre o Caranza e o Numancia. Todos os encontros se disputaron no campo de herba natural, unha alfombra para desfrutar do fútbol.
As aliñacións foron estas:
NUMANCIA: Tito, Emi, Óscar, Cartelle, Rolo (Gil), Ferro; Anido (Iván), Adrián (Raúl), Fran (Feal); Carlos e Cavezza (Barreiro).
Adestrador: Miguel Carballeira.
Delegado: José Antón.
CARANZA: Bruno (Mateo); Vidal, Leonardo (Edgar), Alejandro, Mario (Jose), Borja, Daniel, Óscar, Álvaro (Diego), Iago e Antonio (Prego).
Adestrador: Daniel Martínez.
Delegado: Rubén Neira.
Árbitro: Diego Bouza, auxiliado por Tomás Lorenzo e Pablo Bustabad. No Caranza resultaron amoestados: Mario, Óscar, Borja e Jose López (dúas amoestacións); no Numancia, Pablo Cartelle e Tito tamén foron amoestados.
GOLES:
1 – 0 (m. 32): Manuel Vidal.
2 – 0 (m. 39): Iago Seijo, de penalti.
Carballeira e Antón dispuxeron un partido de contención agardando o roubo do balón para saír en contraataques e as primeiras ocasións claras foron para os de Ares. Porén unha falta lateral magnificamente lanzada e rematada de cabeza de maneira espectacular puxeron por diante aos de Caranza. Minutos despois un balón ás costas da defensa provocou que o porteiro do Numancia cometera un penalti que supuxo o 2 – 0 co que se chegou ao descanso.
Na segunda parte houbo alternativas e ocasións de gol nas dúas porterías, a tal punto, que o Numancia desaproveitou varias oportunidades para materializar unha delas e poderse meter no partido. Non foi así e a vitoria foi para o Caranza.
A continuación ofrecemos o comentario de Miguel Carballeira, adestrador dos xuvenís do Numancia:
“Final de Copa alcanzada por dous equipos que na fase regular non chegaron a facer os deberes de todo pero que tiñan unha magnífica oportunidade para finalizar a temporada con nota. E así o fixeron os dous. Uns, o Galicia de Caranza levándo a Copa coma favorito e outro, o Numancia, crendo nas súas posibilidades e aportando á contenda o maior número de oportunidades fronte á portería rival, que non é pouco.
Unha final que a levou o equipo con maior acerto e un Numancia, é certo, con sensacións contraditorias pensando que tivo as súas oportunidades pero que nunca chegou a estar cerca no marcador.
Non foi capaz como favorito o Galicia de facer dano no xogo ao Numancia pero dous zarpazos a balón parado na primeira parte lastraron o esforzo numantino nos primeiros 45 m. así como un tiro ao pao e un dubidoso penalti non pitado a Carlos. Bastoulle ao gañador da contenda con deixar pasar os minutos na segunda parte para observar como os últimos empurróns do Numancia acababan incomprensiblemente en ocasións fallidas.
Aprobaron os dous equipos o final de curso?
Pois probablemente si pero foi o Numancia quen máis perdeu xa que o Caranza por haches ou por bes volverá a ter máis oportunidades. E o Numancia? “
Certamente, para un club formado practicamente por mozos da vila resulta difícil chegar ás finais, pero cando se chega, e algunhas veces chegamos, saboreámolo con total ledicia.
Ao final do partido, Manolo Mesa (delegado federativo) e Abraham (secretario da delegación) entregaron os trofeos de campión e subcampión de Copa.
Parabéns para o Caranza polo título conseguido e tamén para os rapaces do Numancia por non baixar os brazos e loitar ata o final.