Inicio Noticias Xuvenís XUVENÍS: EUME, 0 - NUMANCIA, 6
 
 

XUVENÍS: EUME, 0 - NUMANCIA, 6

XUSTO PREMIO A TODA UNHA PROMOCIÓN FIEL ÁS CORES VERMELLAS. NUMANCIA, CAMPIÓN DE LIGA.

Tras un espectacular fin de temporada, goleando aos seus rivais, o Numancia xuvenil púxolle o broche a unha temporada sensacional e alzouse co título de campión do grupo da delegación ferrolá.
Ares, 8 de maio de 2016.
Un 0 – 6 en Pontedeume non é nada fácil de conseguir e menos ante un equipo eumés que non baixou a garda en ningún momento, entregándose a tope ata o último minuto. A intensidade, entrega, entusiasmo e enerxía do Eume fai máis grande esta vitoria do Numancia.
 
 
Coa presenza de case todo o plantel xuvenil e a compaña e ánimos de moitos siareiros aresáns e, como non, dos xogadores das distintas categorías, desde os biberóns ata os modestos, comezou o partido cun Eume bravo e loitador. Ángel inaugurou o marcador no minuto 5, cun disparo soberbio dende fóra da área que non puido parar o gardameta eumés. O máis difícil estaba conseguido: marcar rápido e poñerse por diante para gañar en tranquilidade. Pero houbo que agardar outros trinta minutos para que, de novo Ángel, aumentase a súa conta particular e lle dese confianza aos compañeiros. Así se chegou ao descanso, cun 0 – 2 tranquilizador e esperanzador, superando a presión do Eume e os lóxicos nervios de verse co título de campión tan cerquiña.
A segunda parte comezou con dúas claras ocasións do Numancia para subir ao marcador o terceiro gol pero non houbo sorte e os defensas eumeses evitárono cunha entrega digna de eloxio. Pagou a pena agardar e desfrutar dun magnifico terceiro gol materializado por Dani Espiñeira tras unha espectacular internada, chea de potencia e habilidade, aguantando e superando as “entradas” dos defensas rivais para plantarse diante do meta local e ter a frialdade e claridade de conseguir o gol que xa sentenciaba o partido. 
 
 
Despois foron subindo os restantes goles: Iván, Carlos e Pablo Cartelle redondearon unha goleada de campións. Título conseguido en dura pugna cun rival coma o Portuarios que apertou ata o último partido, non desistindo na persecución e agardando un pinchazo que, por fortuna, non se produciu. 
Ademais do éxito do equipo hai que engadir o “pichichi” de Ángel, máximo goleador da categoría con 33 goles en 22 partidos. Cada tres goles do equipo, 1 era de Ángel. 
Por último, felicitar a todo este grupo de rapaces e non só polos seus éxitos deportivos senón tamén polo seu excelente comportamento e compromiso ao longo dos 12 anos que levan moitos deles no club. Sodes grandes! Un auténtico luxo e orgullo para o Numancia e para Ares! 
Tempo haberá para celebracións e recordos mais vaia por adiantado o agradecemento a todos aqueles que están ou estiveron con estes nenos desde que comezaron con 6 anos no Numancia. Directivos, monitores, adestradores, … todos poden considerarse partícipes deste éxito de hoxe porque ata aquí chegaron grazas a todo o traballo anterior. 
E mañá, a esperar rival no sorteo da Fase de ascenso á Liga Galega  a celebrar en Santiago ás 8 da tarde. Betanzos ou Xallas (xogan esta vindeira fin de semana unha eliminatoria previa) coma campión da Coruña; Bertamiráns, campión de Santiago e Porto-Burela, campión de Lugo, son os posibles equipos que nos poden corresponder nesta primeira eliminatoria. Os vencedores conseguen o ascenso directo. 

Clasificacións, resultados e actas da xornada premendo nesta ligazón

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.