Xuvenís: Numancia, 1 - Perlío, 3
O mellor, a foto inicial.
O encontro da 22ª xornada da primeira autonómica xuvenil en Prados Vellos entre o Perlío e o Numancia rematou con vitoria visitante por 1 a 3. Ó descanso chegouse con vantaxe visitante de 1 a 2.
Prados Vellos, 22 de febreiro de 2014.
Aliñacións.
Numancia: Kike, José Manuel (Diego Pérez), Pepe (C), Alberto, Darío (Jesús), Adrián, Marcelo, Roque (Miguel), Ángel, Martín (Isaías) e Iván (A. Nóvoa ).
Adestrador: Alejandro González Domínguez.
2º Adestrador: Manuel Antonio Bardanca López.
Delegado: José Antonio Couce Iglesias.
Perlío: Alex, Manu (Deive), Gabeiras(C), Lago (Portu), Rober, Chris, Jaime (Jaime), Elías (Adri), Diego (Camilo), Carrera, Varela.
Adestrador:Miguel A. Carballeira García.
Delegado: José M. Antón Rey.
Árbitro: D. Francisco García Rodríguez. Non tivo que amosar cartóns.
Goles: Varela (2), e Carrera para o Perlío. Iván para o Numancia.
0-1 ( 4') Varela. Cambio de xogo de esquerda a dereita con entrada por banda e centro á area para que Varela consiga rematar de cabeza sen oposición anotando o primeiro tanto.
0-2 (15') Varela. Roubo de balón de Varela ó borde da área conseguindo disparar a porta e anotando o segundo gol.
1-2 (41') Iván. Falta preto do pico esquerdo da área visitante ven lanzada por Iván anotando preto do primeiro pau.
1-3 (71') Carrera. Saque de esquina dende a esquerda do ataque visitante que remata no medio da área pequena Carrera sen ningunha oposición.
O conxunto local saíu ó campo cás camisetas de apoio a Dani Cartelle o cal estivo presente no encontro aínda convalecente da súa operación e posou xunto cos seus compañeiros na foto inicial de equipo. Sen dúbida a mellor nova do encontro. ¡Ánimo Carte! e a recuperarse ben e axiña para voltar ós terreos de xogo.
En canto ó xogo, pouco por parte dos locais que saíron apáticos, e viron como en 15 minutos xa perdían por dous goles. Para máis desgrazas a lesión ós 7 minutos de Roque que obrigou a realizar a primeira substitución.
Os visitantes amosaron estar máis tranquilos, ben colocados no campo buscando sempre a mellor opción. Aproveitando a súa maior envergadura para o xogo aéreo, ben en defensa puideron anotar algún tanto máis ante a pasividade local.
Os locais moi frouxos, abusando do xogo longo e de balóns altos donde sempre saíron perdendo. Sen intensidade e sen saber moitas veces que facer có balón. En moitos tramos da primeira metade o conxunto estaba partido en dous sen medio campo.
Inda a todo, a falta de Iván, anotada maxistralmente meteu ó equipo numantino no partido e fixo concibir esperanzas.
A segunda metade o conxunto local tocou máis o balón e fixo algunha combinación, o bo traballo defensivo do Perlío cunha defensa moi intensa e un porteiro inspirado evitaron o empate. Pero cando parecía que podía xurdir a recuperación, chegou o xarro de auga fría do terceiro tanto. Xa na xogada que xerou o saque de esquina puido rematar en gol se o balón non é despexado por Kike cando xa entraba pegado ó longueiro. Á saída do “corner”, remate de Carrera e terceiro tanto. Nesta xogada mancouse nas costas Kike, inda que seguiu xogando ata rematar o encontro.
O partido entrou na dinámica do “querer e non poder” local e o de “nadar e gardar a roupa” visitante. Pouco a pouco foi morrendo o encontro ata rematar co xa coñecido resultado de 1 a 3.
En resumo pouco necesitou o Perlío para gañar ó Numancia. O Perlío fixo un partido serio e os locais non apareceron na primeira parte.
O dito, o mellor, a foto inicial con Dani Cartelle e os seus compañeiros xuntos sobre Prados Vellos.