XUVENÍS. NUMANCIA, 2 - CARIÑO, 6.

MEDIA DUCIA, E GRAZAS.

Os de Ares non acaban de tomarlle o pulso á competición, na tarde do pasado sábado en Prados Vellos caeron por goleada ante o Cariño nunha pésima segunda metade.

 



Ares 16 de novembro de 2013

FICHA TECNICA

NUMANCIA: Agustín (Kike), Marcelo, Isaías (Miguel), Jesús (Brais), Alberto, Martín, Iván, Couce, Ángel, Miguelito e Roque (C) (José Manuel).

Adestrador: Alejandro González Domínguez.

2º adestrador: Manuel Antonio Bardanca López.

Delegado: José Antonio Couce Iglesias.

CARIÑO: David Prieto (C) (Marcos), Rubido, Diego, Rubén, Unai, Rubiños, Christian (Villasuso), Adrián (Antón), Manuel, Álvaro e Borja (David Cezar).

Adestrador: Roberto Breijo Dorna.

Delegado: Argimiro Loureiro Ferro.

ARBITRO: Antonio Belizón Flores. Amoestou a Martín polo Numancia. No Cariño tamén viron o cartón amárelo Christian, Rubino, Unai, o adestrador e o delegado.

GOLES:

0 - 1: (min. 34) falta colgada á área que despexa a defensa local, o balón chega aos pés de Álvaro que dispara de semivolea, o balón colle un efecto parabólico por enriba dos defensas e atacantes e cóase polo pau longo.

1 - 1: (min. 36) saque de banda sobre Miguelito, intérnase na área polo lateral e á altura da área pequena, e sen apenas ángulo de tiro, coloca o balón na escuadra do pau contrario. Un gran e fermoso gol.

1 - 2: (min. 41), bonito pase por enriba da defensa sobre Álvaro que baixa o balón e dispara raso.

1 - 3: (min. 46), falta en banda esquerda colgada á área, tragada da defensa local e Rubido marca de cabeza.

1 - 4: (min. 53), Álvaro de penalti.

1 - 5: (min. 65), pase en longo dende o círculo central a banda esquerda sobre Antón, este ve o porteiro local adiantado e dispara bombeado por enriba del.

2 - 5: (min. 77), Iván de penalti.

2 - 6: (min. 89), falta á área que Rubiños remata sen oposición ao fondo da rede.

 

 



Mal comezaba a tarde para os de Ares posto que na sesión de quentamento caía lesionado o centrocampista Adrián, o que decimaba de efectivos aos locais.

O partido comezou cos dous equipos dubitativos, con igualdade, se un dominador claro que tomase as rendas do encontro e algunhas tímidas chegadas ás portarías respectivas pero sen maiores consecuencias. Teríamos que irnos ata o minuto 25 para ver a primeira ocasión de perigo; despois dunha perda de balón dos de Ares no círculo central, apertura a banda para Álvaro e condución deste á área; man a man co porteiro aresano que rexeita a córner. Despois do saque de esquina, contragolpe dos de Ares e lesión de Roque que ten que ser substituído.

O partido animouse nos minutos finais e comezaron a chegar os goles. O primeiro en acertar sería o Cariño, no minuto 34, cun bonito disparo de Álvaro dende a frontal. Apenas dous minutos despois Miguelito dun sensacional disparo sen apenas ángulo de tiro empataba o choque. Coa chegada dos goles e próximos ao final da primeira parte o partido aumentou en intensidade e ritmo. A catro minutos do descanso o Cariño volvía adiantarse de novo por medio de Álvaro, e co resultado de 1 - 2 marcharíamos ao descanso.

Nada máis iniciarse a segunda metade xarro de auga fría para os de Ares posto que nun fallo defensivo chegaría o terceiro gol do Cariño. Este gol fixo moito dano aos locais quenes a medida que correu o reloxo foron desaparecendo do partido, e éste pasou a ser controlado e dominado con claridade polo conxunto visitante. Con este baixón no xogo e cun Cariño crecido foron chegando as ocasións e os goles. O minuto 53, man de Jesús na área, o árbitro decreta a pena máxima e marca Álvaro o 1 - 4. Apenas dous minutos máis tarde, novo penalti en contra dos de Ares, nesta ocasión Agustín adiviña o lanzamento e detenllo a Christian. No minuto 65, quinto do Cariño, nesta ocasión marcaba Antón que apenas levaba catro minutos no terreo de xogo. No minuto 77, penalti sobre Marcelo que transforma Iván no 2 - 5. Na mesma xogada se lesionaba Ángel e os de Ares, que xa realizaran todos os cambios, quedaban con dez para afrontar os últimos quince minutos de monólogo ortegano. A un minuto do tempo regulamentario chegaría o último gol dos visitantes, obra de Rubiños, que deixaba o marcador no definitivo 2 - 6

Para ver as fotos do partido publicadas na WEB do Cariño PICA AQUI.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.