XUVENIS. NUMANCIA, 2 - CEDEIRA, 2.

POUCA RENDA MALIA SER ALGO MELLORES.

Partido correspondente á 2ª xornada de liga disputado na tarde do pasado sábado en Prados Vellos entre Numancia e Cedeira que rematou con empate a dous. No descanso o resultado era de 1 - 0.


Ares 21 de setembro de 2013.

ALIÑACIONS

NUMANCIA: Agustín, Marcelo, Darío, Jesús, Alberto, Martín (Miguel), Diego Pérez (Miguelito), Nóvoa (Ángel), Iván, Adrián (C) e Diego Couce (Roque).

Adestrador: Alex González.

Delegado: José Antonio Couce.

CEDEIRA: Trico (Canosa), Fer (Adrián), Iván, Lukas (C), Alex, Fran (Alejandro), Tomy (Brandán), Adrián, Pauleta, Antón e Leo.

Adestrador: David Pérez.

Delegado: Andrés García

ARBITRO: Rodrigo Serrano Naveiras. Amoestou a Miguelito, Nóvoa, Adrián e Roque polo Numancia; e a Fran e Pauleta polo Cedeira.

GOLES: Martín e Iván para o Numancia; Fran e Leo para o Cedeira.

1 - 0: min 4, saque de esquina ao corazón da área que ninguén toda, o balón bota no punto de penalti e chega a Martín situado á altura do segundo pau e no bordo da área pequena quen remata segundo lle cae ao fondo da rede.

1 - 1: min. 77, erro en cadea da defensa local nun balón bombeado á área, onde nin Jesús, nin Berto, nin Marcelo acerta a despexalo, despois de varios rexeitamentos Antón mete o pé, a pelota dá nas costas de Marcelo e sae mordida por enriba do porteiro local ao fondo da rede.

2 - 1: min. 84, saque de banda sobre Iván que se interna paralelo á frontal da área, nun caracoleo a un defensa vaise del e se queda só para encarar o porteiro ao que bate de disparo a media altura.

2 - 2: min. 87, Leo de penalti.

 

 

Primeira metade na que o conxunto local marcou claramente o tempo do partido ante un Cedeira que apenas inquietou a área numantina, agás nalgunha xogada a balón parado que a defensa local solucionou sen maiores problemas. Puideron os de Ares, nos vinte, vintecinco primeiros minutos solucionar o partido coas ocasións de Diego Pérez e Iván, pero só o gol de Martín, no minuto 4, sería o que subiría ao marcador. No último tramo deste primeiro período o partido entrou nunha fase de centro-campismo, pero sempre baixo a batuta do equipo local, aínda que a éstes tamén lles faltou a profundidade.

A segunda metade sería totalmente diferente, os de Ares perderían a posición no campo e faltaríalles a fluidez do seu xogo mostrada na primeira parte. O Cedeira tampouco mellorou no seu xogo, polo que se viu unha segunda parte bastante aburrida na que ningún dos dous equipos foi quen de impoñerse, e que só tivo algo de aliciente no tramo final cos goles e a incertidume do resultado. Poucas chegadas claras a porta e moito xogo no centro do campo, aínda que descontrolado e farragoso. No último tramo de partido, e nunha xogada desafortunada e de indecisión da defensa local, aproveitábaa Antón para empatar o partido. Houbo reacción por parte do Numancia, e pouco despois Iván nunha bonita xogada persoal volvía poñer por diante os de Ares. Pero novamente, a falta de contundencia defensiva dos de Ares volvía facer auga e a poucos minutos do final unha pena máxima permitía ao Cedeira levarse un punto de Prados Vellos.

En resumo, partido irregular do que quedamos coa primeira metade e no que nos deixamos dous puntos na cuneta, máis por demérito propio, que por mérito do rival. Haberá que seguir traballando para tratar de corrixir eses pequenos detalles que marcan a diferenza entre as vitorias e as derrotas.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.