XUVENÍS. GALICIA DE CARANZA "B", 1 - NUMANCIA, 1.
EMPATE CON SABOR AGRIDOCE.
Un equipo minguado por moitas baixas a piques estivo de traerse os tres puntos da casa do líder.
Caranza 10 de decembro de 2011.
NUMANCIA: Xaime, Álvaro, Jhony, Pepe, Amenedo, Adrian (Roque min. 38), Borja, Juan (Ricardo min. 60), Brayan (Juanfran min. 70), Iván (Cartelle min. 67) e Cagide.
Moitos inconvenientes e incerteza rodearon ao longo da semana ao equipo xuvenil Comezaba a semana coa noticia que Carlos Arnoso non xogaría o sábado, decisión, que non gustou nin á dirección do equipo nin a plantilla de xogadores. A isto houbo que engadir as lesións de Juanra e Darío no adestramento do mércores, e a ausencia de Víctor por motivos familiares. Toda unha serie de inconvenientes e reveses que decimaban de xeito importante o número de efectivos da plantilla. Pero lonxe do cal se presupoñía como un problema que non se presentaban no mellor momento, e ante a importancia do partido fronte ao Caranza, resultou todo o contrario, e o equipo en lugar de debilitarse parece que se repuxo de forma admirable.
Con este panorama presentábanse os xuvenís o sábado en Caranza para enfrontarse ao líder da categoría coa intención de conseguir os tres puntos.
O partido comezou cun pouco máis de posesión para o equipo local pero sen levar perigo á portaría defendida por Xaime. Co transcurso dos minutos o Numancia foise asentando no terreo de xogo e a dispoñer das mellores ocasións desta primeira parte, nos pés de Brayan por partida dobre e outra nos pés de Borja, que non se aproveitaron.
O gol dos aresáns chegou dun pase en longo para Brayan que despois de conseguir o balón o manda ao fondo das mallas no psicolóxico minuto 43 da primeira metade.
Tras o descanso o equipo local realizou tres cambios que lle deron frescura ao xogo e empezaron as complicacións para o equipo numantino. Pero con gran sacrificio, moi bo traballo defensivo e unha gran colocación o equipo foi capaz de aguantar o resultado ata o fatídico minuto 89. Un lanzamento de esquina no que os de Ares tiveron un pequeno despiste nas marcas, facilitou a un xogador do Caranza que acerte a mandar o balón ao fondo das mallas, o que supoñía o empate. Unha magoa para os de Ares, pero que para nada desluciu todo o gran traballo realizado ao longo do partido.
Sería inxusto nun partido como o deste sábado poñer alguén entre os destacados, xa que, a colocación, a predisposición, o COMPAÑEIRISMO no campo, cousa que vai adquirindo peso neste equipo e a actitude foron de dez por parte de todos os xogadores. Porque demostraron ser un grande equipo. Bravo rapaces imos polo bo camiño.
O próximo sábado toca lidar con outro óso duro en Prados Vellos, tócanos recibir a O Val, actual novo líder da categoría. Sen dúbida unha boa pedra de toque antes das vacacións de Nadal.
Esperámosvos a todos en Prados Vellos o vindeiro sábado 17 de decembro, ás 16:00 horas, "NUMANCIA - O VAL.