CADETES: NUMANCIA, 2 - MANIÑOS, 1.
PRIMEIROS E IMPORTANTES PUNTOS
Ao descanso, os locais tiñan vantaxe no marcador, grazas ao golazo de Andrés.
Ares 18 de xaneiro de 2013.
Partido correspondente á sexta xornada de liga do grupo IV ferrolán de cadetes, celebrado en Prados Vellos sobre un aceptable céspede, a pesar da chuvia caída previamente. Gardouse un minuto de silencio respectuoso en memoria do xogador do Galicia de Mugardos, César Torrente, quen faleceu desgrazadamente esta semana. A ADR Numancia súmase á dor da familia do rapaz e de toda a sociedade mugardesa.
ALIÑACIONS
NUMANCIA: Roberto (Agustín), Emilio, Sergio Rodríguez, Óscar, David Gil (Julián), José Manuel, Andrés Novoa (Raúl), Miguelín, Brais (Lemos), Carlos (Ian) e Marcelo.
MANIÑOS: Alex, Dopi (Joel), Fil, Ángel, Dani, Lamas, Piñeiro (Beci), Cabarcos, Busta, Galdo (Real) e Roi.
COLEXIADO: Miguel A. Piñón López. Amosoulle cartón amárelo a Óscar do Numancia.
GOLES: Andrés Novoa (36´ e 64´) para o Numancia, e Galdo (54´) para o Maniños
COMENTARIO: Desde o primeiro minuto xa lle vimos outra cara ao Numancia, observando unha motivación extra e unha mellor colocación no campo: a defensa, seria e contundente; o medio campo, intentando organizar as accións ofensivas, buscando combinacións cos dianteiros sempre a ras de chan; e as bandas, con moita velocidade e profundidade. Enfronte, un Maniños máis físico propoñendo un fútbol directo. E foron aparecendo as ocasións de gol, todas favorables aos locais, sendo Marcelo e Andrés os que puideron adiantar ao seu equipo antes de que o propio Andrés, nunha boa combinación con Brais, rematara espectacularmente un balón que se coou por toda a escadra da portería visitante. E chegouse ao final da primeira parte controlando os locais un partido bastante igualado, aínda que sen crear máis ocasións de gol.
O comezo dos segundos corenta minutos, co dianteiro Beceiro no campo, foi para o Maniños, e así crearon ocasións e conseguiron igualar o marcador. Nivelado o partido, un roubo de balón preto da liña de córner por parte de Marcelo, coa súa internada ata a liña de fondo e pase atrás para Carlos, cuxo disparo non puido chapar o gardarredes visitante, permitiulle a Andrés empuxar o balón ao fondo das redes, poñendo en vantaxe, de novo, aos aresáns. Co partido aberto, o Maniños buscou o empate con disparos lonxanos e xogadas individuais, mentres que o Numancia foi capeando o temporal, sen renunciar aos contraataques. A incertidume durou ata o pitido final e os rapaces numantinos celebraron coa lóxica ledicia estes primeiros puntos que lles dá a primeira vitoria na liga, unha vitoria que debera servir de estímulo para continuar o traballo semanal con máis gañas, ilusión e sacrificio que nunca.