CADETES. FINAL I TORNEO AFACO

FÚTBOL DE FINAL. EUME DEPORTIVO 1 – S.D. O VAL 1 (Penaltis 4 – 3)

A lotaría dos penaltis foi para o equipo eumés.

 



Prados Vellos (Ares) 3 de xuño de 2012.

ALIÑACIONS:

EUME DEPORTIVO: Marcos (Diego 31´), Pablo, Jesús A., Carlos M, Jesús, Fran (Borja 47´), Diego P. (Adrián 66´), Dani, Fachal, Couce (Dani M. 57´) e Alex (Camilo 41´).

S.D. O VAL: Ángel, Marcos (Diego G. 79´), Dani (Ameneiro 36´), Manuel, Richi, Fran (Sergio 50´), Cristián (Aarón 66´), Samuel G. (Antón 41´), Simón, Hugo (Brais 36´) e Alberto (Samuel S. 41´).

COLEXIADO: Álvaro García Santaeufemia

Final do I Trofeo AFACO da categoría cadete disputado na mañá deste domingo en Prados Vellos (Ares). Entre o público asistente destacamos a presenza do delegado federativo de Ferrol, Manolo Mesa e a do presidente da AFACO, Ángel Barro “Peruchi”.

 



COMENTARIO: Desde o primeiro minuto observamos a motivación de todos os xogadores por conseguir o título deste torneo. Intensidade, gañas, e tamén calidade en máis dun xogador. Na primeira parte, os dous equipos gozaron de oportunidades para inaugurar o marcador, mesmo houbo dúas xogadas, unha para cada equipo que remataron co balón dentro das redes, pero que estaban anuladas por faltas previas. O Eume vía como un balón enviado polo seu capitán se estrelaba no poste e o Val enviaba fóra dous remates diante do porteiro eumés. Por tanto, igualdade en ocasións e tamén no xogo que se inclinaría a favor do Eume nunha extraordinaria internada do seu extremo dereito Diego pola banda cun centro co exterior preciso para o remate de cabeza do capitán Fachal dentro da área pequeña (min. 33). Fermoso gol que desatou a euforia entre os xogadores e siareiros eumeses. E con esta vitoria pola mínima chegouse ao descanso.

Na segunda parte, o Eume quixo esperar ao rival no seu campo e buscar contraataques que sentenciasen a final, mentres O Val tiña máis posesión de balón aínda que non creaba ocasións de gol. Desta maneira foron transcorrendo os minutos, con dúas ocasións moi claras para o Eume que se topou cunhas extraordinarias intervencións do gardarredes valexo. E nun pase longo prolongado coa cabeza cara o interior da área, chegou o gol do empate. O balón controlao Antón, encara o gardameta eumes e bateo por baixo o primeiro pau (min. 68), case na única ocasión de O Val. O Eume perdoara as súas ocasións e O Val conseguía establecer a igualada no marcador, chegandose con ese resultado ao final do partido.

Na lotaría dos penaltis, o Eume conseguiu a vitoria por catro a tres. Parabéns para os dous finalistas, que nos brindaron un partido intenso e moi ben pelexado por todos.

Ao remate, Ángel Barro “Peruchi”, presidente da AFACO, entregou o trofeo de campión ao capitán do Eume, mentres que o capitán de O Val recibía o trofeo de subcampión de mans de Antonio Rodríguez, presidente do Numancia.

Coma reflexión final, podemos considerar un éxito para a AFACO a organización deste primeiro trofeo, desde a celebración da primeira fase en varios campos, ata as semifinais e a final de hoxe. O obxectivo era a participación destes xogadores, chegar ata finais de maio con actividade futbolística e crear unha certa competitividade nestes partidos. Pensamos que se conseguiu e confiamos en poder repetir esta experiencia en próximas temporadas.

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.