Cadetes: Perlío, 1 - Numancia, 3

A.D.R. Numancia de Ares. Cadetes 2011-2012. Perlío, 1 - Numancia, 3. Os Pinares, Perlío, FenePeche de campaña con vitoria.

No último partido de liga o equipo de cadetes conseguiu remontar o 1-0 co que  o Perlío chegou ao descanso na tarde do sábado en Os Pinares. Ao final, tres goles de David deron a vitoria aos Aresanos.

Os Pinares - Perlío (Fene) 12/05/2012

Aliñacións:

Perlío: Alejandro Pico (Daniel Pena 41'), Diego Porta (Sergio Fernández 41'), Daniel Lago (Yago Basoa 41'), Miguel Gabeiras, Manuel García, Adrián Gómez, José A. Prado, Aarón Rodeiro (Pablo Aneiros 45'), Daniel Varela, Diego Calvo e Adrián Miño.

Numancia: Roberto (Agustín 41'), Marcelo, Alberto, Darío, Segio Rodríguez (Brais 41'), Martín, Andrés Novoa, Miguel (José M. 49'), Iván, David e Miguelito.

Árbitro: D. Telmo Pérez Vázquez.

Goles: Adrián Miño (Perlío) e David (3) para o Numancia.

 1-0. Min.  8. Adrián Miño. Cesión de Alberto a Roberto no pico dereito da área visitante, o balón chega moi vivo e complica o despexe ao porteiro numantino, o erro é aproveitado por Adrián Miño para abrir o marcador.

1-1. Min. 69. Pase desde o borde esquerdo da media lúa de Darío cara á entrada de David desde a dereita. O dianteiro aresano controla e eleva o balón sobre a saída do porteiro local establecendo a igualada.

1-2. Min. 70. Saída desde campo propio con balón en longo de Darío para David que encara a porta rival e cruza o balón á dereita sobre a saída do porteiro local.

1-3. Min. 73. Xogada de forza de Iván que entrando pola esquerda chega á liña de fondo e pon un pase cara atrás. Miguelito non acerta a resolver e o balón chega ao borde da área a pés de David que pon un balón raso con efecto que entra pola dereita da meta local.


Primeira parte con vento a favor para os visitantes que dispuxeron de múltiples chegadas sobre todo por banda esquerda que non souberon resolver. A precipitación unhas veces e a lentitude noutras, sumadas á falta de puntaría, evitou que o Numancia anotase algún tanto durante o primeiro período. Máis efectivo foi o Perlío que aproveitando unha xogada desafortunada dos de Ares conseguiu anotar o seu tanto. Os locais dispuxeron dalgunha ocasión máis pero que tampouco acertaron a materializar.
O segundo tempo, salvo un par de ocasións ben resoltas por Agustín, foi de cor visitante. Os de Ares chegaron moito á área rival e con moito perigo, as ocasións fóronse sucedendo tanto en xogada como á saída de saque de esquina pero tan só David foi capaz de anotar e fíxoo por partida tripla. A pesar de ter o vento en contra o Numancia puido obter unha maior renda con claras ocasións de Iván, Miguelito, Novoa e o propio David.
Destacar a volta aos terreos de xogo de Martín tras unha longa lesión. En resumo un encontro aceptable para finalizar a liga onde se consiguiu un discreto 5º posto e que deixa a sensación de que se puido facer moito máis do conseguido.
A próxima semana partido do Torneo de AFACO en Pontedeume onde se xogarán a partido único o pase a semifinais deste último torneo da tempada.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.