CADETES. PORTUARIOS "B", 2 - NUMANCIA 6

ADR Numancia de Ares. Cadetes 2010-2011. Portuarios A TARDE DE JUAN
Sensacional partido dos de Ares no que Juanito, reconvertido en dianteiro centro, sentenciou o Portuarios. 

 

A Gándara (Ferrol) 18 de febreiro de 2011.

ALINIACIÓNS:
PORTUARIOS “B”: Julián (Antonio 40´), Francisco, Alejandro Rascado (Christian 69´), Sergio Castro, Daniel (Óscar 69´), Sergio, Jaime, Jorge (Juan 40´), Ismael, Martín e Andrés (Alejandro Domínguez 51´).
NUMANCIA: Xaime, Deive (Brais 59´), Juan, Dario, Adrián (Roque 56´), Migui (Andrés 65´), Adri (Ricardo 65´), Dani (Piñeiro 61´), Alberto, Pepe e David.

COLEXIADO: D. Eduardo Pereira Dobarro (Delegación de Ferrol). Amonestou a Jorge do Portuarios e Juan do Numancia.

GOLES:
Portuarios “B”: Sergio e Alejandro Dominguez.
Numancia: Juan (4), Alberto e Pepe.

Moi boas sensacións transmitiron hoxe os cadetes fronte ao Portuarios. Os de Ares, a pesar de ter hoxe importantes ausencias nas súas filas, afrontaron con enteireza e moita seriedade o choque fronte aos ferrolanos. Coa actitude demostrada no día de hoxe despexan todas as dúbidas e sombras dos malos resultados e xogo dos dous últimos encontros.

Na primeira metade os de Ares, dende o asubío inicial, saíron moi metidos no partido, deixándo claro aos ferrolanos que viñan a polos tres puntos. Ben posicionados no terreo de xogo, movementos de balón con moito criterio, boas coberturas, asistencias, xogadas con moito perigo e seriedade en todo momento, foron as características máis destacables hoxe no conxunto numantino. Con esta carta de presentación estaba claro que non podían tardar en chegar os goles, e efectivamente así foi. O primeiro chegaría aos seis minutos, contraataque dos de Ares, con pase medido de David sobre Pepe, dispara e rexeita o gardameta, Alberto entrando dende atrás aproveita o rexeitamento e envía ao fondo das mallas 0 - 1. Tiveron outra boa ocasión os de Ares no 18´, a disparo de Pepe, pero Julián toca lixeiramente, e o balón estrélase no pau. Pero non fallarían un minuto despois, falta lateral que executa Alberto ao segundo pau onde Juan de cabeza envía ao fondo das mallas, 0 - 2 a vinte minutos do final da primeira metade. Os de Ares controlaron o partido no que restou de tempo e aínda gozaron dalgunha ocasión máis. En canto ao Portuarios, tiveron unha boa oportunidade nos minutos iniciais, que Xaime resolveu cunha gran parada. Polo demais, tímidas aproximacións á porta visitante, xogadas a balón parado e disparos afastados con pouco perigo. Ao final da primeira metade iriámonos aos vestiarios cun xusto resultado de 0 - 2 a favor do Numancia.

O descanso non sentou nada ben aos de Ares, pois saíron algo durmidos ao terreo de xogo e perderon o ritmo do partido. Pola contra o Portuarios comezou a exercer unha forte presión que lles permitiu, durante quince minutos, manter o Numancia contra as cordas. Foi nesta fase do encontro cando chegarían os goles locais. Aos oito minutos de iniciada a segunda metade, libre directo de Sergio moi axustado á base do pau ante o que nada pode facer Xaime, 1 - 2. Aos poucos minutos do gol encaixado cambio táctico no Numancia que comeza a dar os seus froitos. Pero no 57 ´, os de Ares víronse sorprendidos por un novo gol local. Corner que quita o Portuarios ao segundo pau e Alejandro Domínguez empata para os ferrolanos, 2 - 2. Un xarro de auga frita para os numantinos, pois levaban algúns minutos nos que tomaran de novo a iniciativa. Pero pouco duraría a alegría local, pois dous minutos despois, centro de David ao segundo pau que rexeita un defensa local, o balón o recolle Juan e marca para os de Ares, 2 - 3. E na xogada seguinte, sería Juan de novo o protagonista, quen de forte disparo bombeado dende tres cuartos de campo, colle lixeiramente adiantado ao gardameta local e sorpréndeo por alto, 2 - 4. Este gol sería a sentenza dos locais e do partido, posto que de aquí ata o final os de Ares volverían ser os donos do encontro. Aínda que o Portuarios, a balón parado levaría algún perigo á meta aresana, as boas intervencións de Xaime impediríano. Os outros dous goles numantinos subirían ao marcado nos minutos 69´ e 72´. O quinto, centro chut de Juan á área, o gardameta falla no control e Pepe moi atento aprovéitao para marcar o 2 - 5. O sexto, balón de Piñeiro ás costas da defensa local, recolle Juan, marcha por velocidade e de vaselina supera a Antonio, 2 – 6,  cuarto gol de Juan na súa conta particular e gran delicia no rapaz pola súa tarde goleadora. Con este resultado de 2 - 6 finalizaría o encontro.

Felicitar os rapaces polo partido de hoxe, pola actitude e polo seu bo facer. Sen dúbida este resultado, pero o mellor, reencontrase co gol e o bo xogo, levantará a moral de cara ao enfrontamento ante o Eume, o próximo sábado en Prados Vellos.

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.