Inicio Entrevistas Afeccionados SOCIO FUNDADOR
 
 

SOCIO FUNDADOR

SDR NUMANCIA. ENTREVISTA A D. JUAN ANTONIO ARES. DECEMBRO 2009D. JUAN ANTONIO ARES LEIRA, SOCIO Nº 1 DO NUMANCIA:
“O NUMANCIA ERA A MIÑA MOZA, OS MEUS FILLOS, A MIÑA TABERNA”.

Ao longo dunha tarde, e acompañados de directivos do Numancia, mantivemos unha agradable conversa con Juan Antonio Ares, socio nº 1 do club: “Pagando mes por mes, desde que se fundou no 47, pagando sempre”. Esta charla permitiranos  coñecer un pouco da historia do Numancia e tamén algo da personalidade do entrevistado.

 

S.D.R. Numancia de Ares. Juan Antonio Ares LeiraAos seus 83 anos conserva unha memoria prodixiosa e a mesma paixón polo Numancia de cando era máis novo.Como todos poden imaxinar, nesta entrevista d. Juan Antonio foi rememorando as distintas etapas, indo e vindo no tempo, tal e como lle acudían as lembranzas á súa mente. Porén, a continuación leremos unha revisión da historia do Numancia, ordenada cronoloxicamente.
 
Comezamos pola súa infancia: “Nacín na rúa María. De neno xogabamos cunha pelota de trapo na praia. Eu xogaba bastante ben. Xogaba de interior ou extremo porque era moi rápido. A min gustábame o fútbol naqueles tempos, antes de enfermar”

XERMOLOS DO NUMANCIA
Precisamente nesa barbería se xestou o Numancia: “Estando na barbería de Toñito (decembro do  1947) xuntei a tres ou catro chavales da miña idade (xa morreron todos): Pepe o Marruán, Escudero, os irmáns Blanco Alfonso, Mariano e Higinio ... e díxenlles: que vos parece se facemos un equipo de fútbol? A tS.D.R. Numancia de Ares. Juan Antonio Ares Leiraodos lle pareceu ben a idea. Non nos poñiamos de acordo para o nome, non pensabamos en poñerlle Numancia porque xa o houbera. Entón estaba un señor cortando o pelo e estaba oíndo o debate que tiñamos e dixo: por que non lle poñedes Numancia?. E todos xa Numancia, para darlle continuidade ao nome. Ese home era Alfonso Martínez Fernández, “Chaparro”.
Preguntámoslle tamén se coñecía o motivo polo que lle puxeran o nome de Numancia e contounos o seguinte: “Mandei unha camiseta para aquí de cando no 28 xogaban entre outros, Javier (o pai da farmacéutica), Antonio Escudero, Antonio Sixto, Bernardo, os irmáns Sánchez (Licho e Tinso), Lito de Primitivo, .... Foron eles os que puxeran o nome de Numancia. Algúns estaban estudando e sabían algo de historia. Xogaban partidos de rivalidade contra o Rompe e Racha”
Despois deste comentario, continuou co seu relato: “Comezamos a xuntar cartos para mercar un balón de segunda man. Xuntamos unhas 160 pesetas e comprámoslle o balón a Fresquillo por 135 pesetas. Ese foi o primeiro balón que tivo o Numancia. A nosa idea era comprar unhas camisetas e pantalóns e íamos polas casas pedindo uns reás. Unha noite, encontrámonos co pastor protestante don Arturo Guinnes da igrexa evanxélica de Ares e explícamoslle a nosa intención de fundar un equipo de fútbol e que queriamos comprar unhas camisetas. Entón, el mira para nós e dinos: “me gusta que los jóvenes practiquen el deporte”. Botou as mans aos bolsillos do chaleco e quitou 3,5 pesetas en moedas de real (algún aínda era da república) e déunolas dicíndonos: “ los aliento a que tengan fuerza y practiquen el deporte que es algo estupendo para la juventud”.
Máis adiante, o concello mercou unhas camisetas ás que lles chamaron “escaravellos” porque eran de listas amarelas e negras. Xogabamos na ribeira, na praia do Xuncal. Marcabamos o campo pola mañá cedo cunha aixada e un cordel. Non tiñamos porterías ata que un día de febreiro do 48, ás dúas da mañá fomos cortar un olmo dereitiño que nos deu o traveseiro. Na cabeza fixemos un furado para meter un tornillo porque había que montalo e desmontalo xa que non podían quedar as porterías na ribeira.
O primeiro partido disputámolo no cuartel de Montefaro, contra os artilleiros (teño fotografías)
Na praia aínda xogamos contra equipos de Ferrol. Unha vez veu xogar o Ferrandiz, cando no Numancia estaba de porteiro un soldadeo ourensán, Viñas, un fenómeno. Tamén xogaban Alfonso Martínez, Gelucho de Teresa, Jesús Prieto, Eduardo Castro, Santiago Carnero, Vaquero, Malpica, Muíños, ...


CAMPO DO XUNCAL
S.D.R. Numancia de Ares. Juan Antonio Ares LeiraAndando uns meses máis adiante acordouse facer o campo e falamos cos propietarios das leiras do Xuncal para ver se nos deixaban xogar alí. Había unhas covas e pedímoslles aos labradores que levaran terra e barro cos carros de vacas para tapalas. Foron moitos e téñoos a todos na miña mente, foi algo digno de lembrar e non esquecelo nunca. Tamén quero citar a Pepe e Manuel Lamas que tiñan o almacén de viños chamado a borrachería onde iamos mercar “mezclado” ou “gharnaña” para darlles unha copa aos labradores. Pepe díxome: “Juan Antonio, a ti déixoche todo o que queiras, ti es o responsable de pagarme isto.”
Lembro que uns señores que vivían na Coruña trouxeran a Ares unha selección “Plus ultra”. Gañaran 5 – 1.
O primeiro presidente, no ano 1948, foi un home que tiña a perna fastidiada coma min, Emilio Martínez, que era zapateiro. Daquela xogabamos contra equipos como o da Pedreira, Redes, Cervás, Ártabro, ..

PRIMEIRO PARTIDO FEDERADO EN 1949
“O Numancia participou no campionato de modestos de Ferrol, aceptando as condicións que nos puxeron, que era pagarlles os gastos de desprazamento de Ferrol a Ares. Unha data inolvidable é o 12 de outubro de 1949, cando o Numancia se desprazou a Ferrol para xogar o seu primeiro partido federado contra o Canido, no campo de Batallóns, empatando a dous goles. Naquel partido se lle puxo a medalla de honor a Cascuelo do Canido e o fútbol do Numancia causou sensación pola súa rapidez e carácter ofensivo. Nós tiñamos á nosa disposición as instalacións do cuartel de infantería de Marina para vestirnos e ducharse, grazas a d. Luis Pubul, tenente coronel, ao que aínda hoxe lle sigo moi agradecido pola deferencia que tivo co Numancia. Destacaban Malpica (que xogou no Rácing), Chao e Baquero(marchounos para o Canido, abandonando o equipo do seu pobo). Aínda teño a reseña de prensa dese partido. Os árbitros non podían ver ao Numan, único equipo que non era de Ferrol. Admitíronnos nesa competición a condición de que lles pagasemos os desprazamentos a Ares.
Estivemos tres temporadas nesa liga ferrolá. Na temporada 1951/52 quedamos campións ante equipos coma o Canido, o Galiano, o Libunca,... xa tiñamos as camisetas vermellas e pantalón azul. As camisetas vermellas co colo branco fixéraas unha costureira, Maruxa a Pedreira.
Os presidentes desta época foron Justo Montero, Antonio Espiña, J.Luis Pérez Barreiro e Javier González.
NA PRIMEIRA REXIONAL
Na temporada 1952-53 participamos na 1ª Rexional. Recordo que non nos admitían o campo  e houbo que amplialo en catro metros. Tivemos que tapar unha gran cova a base de carretillas, traballando coma negros. Esa temporada enfrontámonos a equipos coma o Flavia, o Fabril, Brigantium, Ordes, Eume, Esteiro, Astano, Deportivo A, .. Aguantamos catro temporadas nesta categoría. Daquela no Numancia xogaban soldados aos que conseguiamos librarlles gardas, como Chinchorreta, un extremo bárbaro cunha velocidade espantosa, Rodrigo, Villar, Martiño, Rayito, Joja, Ventura, ...
Ás veces estaba o campo todo cheo de xente. Un dos partidos históricos de Ares foi o día que veu xogar o Fabril a Ares. Metímoslles unha tunda (6-3) e o día que fomos liquidar as taxas á Coruña da compra das parcelas, chegamos Cesáreo e eu e o señor que nos atendeu preguntounos: “vostedes son do Numancia de Ares?, non me digan, que aínda teño na miña mente a gran tunda que nos deron. Farei todo o que poida por un club modesto xa que os que estamos metidos nisto somos uns mártires”. Aos tres días chamounos para ir buscar os documentos.
Neses tempos o Numancia vestíase nunha casa da Porta do Sol.
A última temporada o Numancia quedou endebedado e íase desfacer o equipo porque ninguén quería facerse cargo das débedas.
Unha anécdota: Unha vez uns rapaces romperon os cristais da caseta, tiraran as botas, ... eu fixen averiguacións e fun falar cos pais. Tiven que oír de todo.

(A próxima semana publicaremos a segunda parte desta entrevista)

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.