ENTREVISTA: Confesións de Picas (1ª parte)

Hai apenas dous meses que homenaxeabamos ao noso querido e desaparecido Pedro García, por medio do torneo de F-7 e tamén coa presenza do fútbol afeccionado da comarca, a través dos combinados da AFACO. E certo tamén é que todos os actos que celebremos na súa honra serán insuficientes ante a entrega e dedicación de Pedro ao noso Numancia.
Pois ben, esta semana chéganos outro recoñecemento, outra lembranza a Pedro. Esta vez non é ningunha institución ou entidade, nesta ocasión será un gran amigo seu o responsable de que unha vez máis, neste mes de agosto nos acordemos de Pedro. E para explicarnos as súas razóns, aquí temos a Antonio Martínez, máis coñecido por ”Picas”:

 

S.D.R. Numancia de Ares. Temporada 2009-2010. O Lar de Picas.

- Antes de nada, cóntanos a orixe deste alcume de Picas:

- Pois vén de cando eramos xuvenís e había tres Antonios. Como eu era o que máis destacaba empezaron a chamarme “Picas”. Resulta que este é o nome dun lugar de Friol (Lugo) de onde era miña nai.

- Picas, por que este I Memorial Pedro García de afeccionados do domingo entre o Numancia e o Mugardos B?

- Pedro e eu sempre estivemos organizando trofeos e xa levabamos nove edicións do trofeo de categorías inferiores. Este ano que falta el, é de xustiza dedicarllo. Por iso é o I Memorial Pedro García tanto de afeccionados (domingo, 16 de agosto) como de cadetes e xuvenís (sábado, 29 de agosto).

- Cando coñeciches a Pedro?

- Coñecino no ano 69-70; eu era un chaval e Pedro, que era maior ca min, participaba no programa de TVE, “Cesta e Punta”, un programa de preguntas. Xogaba de pivote, era unha máquina. A raíz daí collimos moita confianza e fomos amigos ata agora.

- Como era Pedro, como persoa?

- Era unha boa persoa, moi respectuoso coa xente e, principalmente, moi intelixente, vía as cousas antes ca ninguén.

- Como e cando comezou a súa relación co Numancia?

- A relación co Numancia comezou hai agora uns vinte anos. Naquela época, Pedro estaba atravesando un bache moral e, coma era amigo meu, convencino para que nos botase unha man e metino no Numancia. E ata que pasou o que pasou, estivo sempre na entidade na que realizou un labor impresionante.

- Xogou Pedro no Numancia?

- Non, Pedro xogaba no campo vello nos anos setenta, cando se facían as partidas de Semana Santa. El viña de vacacións (estaba estudando en Santiago) e traia os seus colegas. Montábamos uns partidos de amigos no campo vello entre o seu equipo e o noso, eran unhas pachangas para despois facer unha cea. Pero no Numancia federado non xogou. Lembro que si estivo dúas temporadas no Iria Flavia, de Padrón. Foi o único equipo no que xogou. Xogaba de porteiro, nós chamabámoslle o “loco Gatti”, porque tiña melena e poñía o diadema igual que aquel porteiro arxentino. Era un bo porteiro pero non lle tiraba tanto o fútbol. Gustáballe máis bucear, ir aos pulpos, centolas, .... mariscaba moito, a pulmón, era unha máquina. Dicíaslle: Pedro, fan falta pulpos. E ás dúas horas viña con eles. Daquela, aínda non ocorrera o desastre do Urquiola, a ría tiña máis que hoxe, e Pedro coñecía moi ben a ribeira, sabía de todas as “zocas”. Era un gran buceador. E o fútbol tamén lle gustaba pero como hobby. Outra afección que tiña eran as setas. No inverno ía ás setas xunto cuns amigos. Nese aspecto era un experto, coñecíaas todas. Lembro que a primeira seta que comín nola preparou Pedro no mesón Picas. Estaba riquísima.

- Cales pensas que foron os momentos máis felices e tamén os máis tristes de Pedro como directivo do Numancia?

- Pedro disfrutaba coas categorías inferiores, polo tanto, calquera triunfo deses equipos era unha alegría. O máis triste foi cando perdimos a final de afeccionados 2 – 0 co Meirás (temporada 94-95). Estabamos todos moi ilusionados e levamos unha gran decepción, Pedro tamén.

- Que era para Pedro o Numancia?

- O Numancia para Pedro era todo; el era un tremendo defensor da xuventude, quería que estivese alí e defendía sempre o Numancia. Practicamente o Numancia era todo para Pedro, absorvíalle moito tempo. Mesmo ás veces deixaba de estar con amigos que o viñan visitar nas vacacións para subir a Prados Vellos. Cando acaba alí, xuntábase outra vez con eles. Comeulle moito tempo, o Numancia era todo para Pedro.

 

(continuará)

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.