Inicio Entrevistas Adestradores Entrevista a Gabi. Seleccionador Alevín.
 
 

Entrevista a Gabi. Seleccionador Alevín.

S.D.R. Numancia de Ares. Seleccionador Alevón Gabi. Entrevista 2010.Reflexións do seu segundo ano coma seleccionador alevín de Ferrol

Gabriel López Suárez, coñecido futbolisticamente coma Gabi, dirixiu por segundo ano ao combinado alevín de Ferrol no torneo de seleccións comarcais. Unha vez rematada a participación no mesmo, o propio Gabi reflexiona e comenta algunhas circunstancias. 

Ares, 21 de maio de 2010
Primeiramente quixemos coñecer un pouco da súa traxectoria deportiva.

Gabi, en que equipos xogaches?

Pasei por todas as categorías do Cedeira, dende alevín ata modestos. En xuvenís participamos na liga galega e co equipo de modestos na primeira autonómica. Cando deixei o Cedeira fun para o Moeche, equipo no que me retirei aos 28 anos por culpa dunha lesión.

E como adestrador, canto tempo levas?S.D.R. Numancia de Ares. Entrenadores Selección Alevín de Ferrol

Pois xa van cinco anos: empecei cos benxamíns do Cedeira, categoría na que adestrei dous anos; outros dous anos cos alevíns (o último ano compaxinei coa selección) e esta última temporada coa selección alevín de Ferrol.

Por certo, Gabi, sempre se cuestiona a formación dos adestradores que están cos cativos. Ti tes algún curso?

Non o teño debido a problemas co certificado médico. De non ser por iso xa o tería sacado. Este ano espero poder empezar co nivel 1 e oxalá teña sorte porque xa levo tempo esperando.

Despois deste preámbulo, pasamos a comentar a temporada que vén de finalizar:

Rematado o Torneo Caixa Galicia de seleccións alevíns, como valoras a participación de Ferrol?

Moi boa, realmente moi boa. Os nenos realizaron un traballo excelente, restando “a pájara” dos sete minutos iniciais do partido xogado en Lugo. O resto do partido e do torneo fomos iguais ou superiores ao rival. En Coruña perdemos pero fixemos un gran partido e considero que o máis xusto era o empate, un empate que nos puido dar o pase. Dixéralle aos nenos que para pasar era necesario puntuar fóra da casa. Lamentablemente, eses minutos fatídicos en Lugo pagámolos moi caros, ao ser unha competición tan curta.

A selección de Coruña clasificouse primeira. Que xogadores destacarías deste equipo?

Sen ser a selección que tiñan o ano pasado, gustáronme todos, aínda que especialmente Aaron, Raúl e Javier

No combinado de Lugo, sorprendeute o esquema táctico con dous dianteiros?

Pois si porque eu sabia que o adestrador era o do ano pasado, igual que o da Coruña e, ao xogar nós a primeira xornada, guiámonos Andrés e eu polos datos que tiñamos do ano pasado. Despois de xogar con eles e velos tamén contra Coruña, acabouse a sorpresa.

Que xogadores de Lugo ves máis determinantes?

Agora non me acordo dos nomes pero o medio centro e dous dianteiros, sobre todo o rubio zurdo.

De poder dar marcha atrás ... rectificarías algunha decisión tomada en canto a xogadores convocados, alineacións iniciais, esquema táctico,...?

Agora a toro pasado todo é máis fácil, pero volvo ao de antes, a eses minutos tontos en Lugo que nos condicionaron o resto do torneo. Por iso si cambiaría todo o que ocorreu previamente no vestiario. Viñamos de gañar a Coruña e chegamos moi relaxados, ademais de co tempo xusto. Mentres os aconsellaba e animaba para o partido, vía que as súas caras non eran as mesmas do partido contra Coruña; estabamos moi relaxados e non fun quen de motivalos. Por iso si cambiaría as miñas palabras para que saíran coma saíron o resto dos torneos. Porén, agora xa non podo facer nada e dóeme moito porque estes nenos fixeron un traballo enorme e quedaron a un paso da final. Ben, espero que sirva de experiencia tanto para eles coma para min. Polo demais, non me arrepinto de nada.

En todos os partidos houbo “reparto de tempo” entre os xogadores convocados. A que responde esta filosofía?

O primeiro día, cando os seleccionei e lles dixen que eran os catorce que ían quedar, expliqueilles o que quería deles e tamén os informei do que, se eles cumprían, obterían de min. Entre outras cousas, dígolles aos nenos que tranquilos, que me gusta que no meu equipo o pasen ben e disfruten. Entón, se non os meto a xogar non o pasan ben e non disfrutan. Estoulles mentindo e se os enganas deixan de crer en ti. Os nenos cumpriron co que lles pedín e eu cumprín con eles. Ademais, considero que desde prebenxamíns a cadetes deben de xogar todos os nenos. Os adestradores non podemos cortarlles a ilusión deixándoos sen xogar, están en idade de formación e que mellor formación que xogar. Tamén é certo que xogar debe ser o premio dos adestramentos e do comportamento, se adestran e teñen boa actitude teñen que ter o seu premio en forma de partido.

Nos dous últimos partidos non participaron Aitor nin Víctor. Podemos coñecer a razón?

Pois Víctor pegou un baixón físico. É un neno que xoga a fútbol-7 e a fútbol-sala e coas dúas seleccións (fútbol e fútbol-sala) e na súa posición de medio banda era o posto para o que tiñamos máis xogadores. En consecuencia, démolles descanso. O de Aitor xa é máis complicado. No deportivo regular pero o seu comportamento considero que non era o adecuado. Falei con el e non mellorou a súa actitude. De todas formas, eran catorce e a miña idea era rotalos máis pero o apretado do calendario, a competición e a convivencia foron marcando o camiño. Entraron Sergio e Borja. Xa comentara cando falamos a última vez que había que demostrar ilusión e compromiso.
Dos catorce xogadores que disputaron os partidos deste torneo, gustaríanos coñecer a túa opinión en canto a condicións, puntos frouxos, actitude, perspectivas de futuro,...en fin, coma unha pequena ficha que seguro que tes de cada un dos rapaces:

1. Carlos: É rápido e forte, ten condicións para ser un gran porteiro pero debe controlar mellor os nervos e mandar máis. Fala pouco. Hai que pulilo.

2. Pedro: Obediente, disciplinado, bo compañeiro, loitador, un bo defensa. Xa lle dixen que ten ue mellorar moito tecnicamente, ponse moi nervoso co balón nos pés e cústalle moito o primeiro control.

3. Aitor: Ten moita forza e un gran disparo pero quere abarcar demasiado campo. Tamén é moi impulsivo e cústalle cumprir coa súa misión. Hai que traballar con el.

4.Javi: Encántame tanto de medio centro coma de defensa pero non cre moito en si mesmo. Como non lle saian ben as primeiras accións, apágase. Hai que seguir traballando con el e pulilo moito nese aspecto.

5.Borja: Un gran defensa, listo na toma de decisión e ten conceptos coma a anticipación moi bos. O seu pero é que busca moito arriba en vez de tocar máis en curto, porque ademais é que ten calidade para facelo. Debe insistir neste punto.

6.Miguel: traballador incansable, sempre ao servizo do equipo. Un gran xogador que debe mellorar na condución do balón (leva a pelota moi separada do pé)

7. Hugo: ten moita calidade e moito gol. Debe traballar máis e non crisparse cando non saen as cousas.

8. Fran: Todo pundonor e traballo, algo así coma Miguel.

9. Aaron: Ten moita calidade e gol. Utiliza moi ben o seu corpo para facerse co balón pero fáltalle traballar máis.

10.Carlitos. Encántame. Hoxe por hoxe non o axuda o seu físico. Resulta incríble o tímido que é e coma se transforma no campo de xogo. Tecnicamente e tacticamente é bo. Vai dar que falar se segue así, aínda que debe machacar a perna dereita e seguir traballando.

11.Borjita: É zurdo coma Carlos, e comparte as mesmas virtudes técnicas e tácticas. Bon xogador.

12. Víctor: Moi bo tecnicamente pero un pouco despistado coa misión que se lle manda. É un gran xogador, mágoa dese baixón pois tiña moita fe nel. Que siga traballando.

13.Unai: Bon porteiro, seguro e valente e non para de mandar. Que siga así.

14. Sergio: Ten grandes condicións físicas e técnicas. Tacticamente cóstalle máis. Ben tanto atrás coma no medio centro. Debe aproveitar máis a súa fortaleza. Bo xogador.

En canto ao seu futuro inmediato, véxoos coma a varios dos chavales da selección do ano pasado, xogando do Galicia de Caranza na liga galega de infantís. Víctor, Aarón, Carlos (porteiro) e Javi xa pertencen ao Caranza e algún máis seguro que ten a ocasión de ir.

Esta é a segunda campaña como seleccionador de Ferrol. Que aspectos positivos e negativos encontras nesta faceta?

Pois un vai relacionado co outro. O positivo é que podo facer o equipo que a min me gusta, entre todos os xogadores da comarca. Elixir os catorce que un quere resulta un privilexio. Pero ese é o equipo que a min máis me gusta, e non teñen porqué ser os mellores (si o son para min). O negativo son as críticas. Cada persoa ten a súa selección pero hai que respectar aos que están, sobre todo aos nenos que non teñen ningunha culpa. Eles veñen porque os chamo eu e porque eu considero que son os mellores. Aos nenos dígolles que quizás con outro adestrador a metade deles non estarían. Todas as opinións son respectables pero para min estes eran os mellores e os resultados do torneo non nos deixan en mal lugar.

Xusto era preguntarlle pola colaboración que tivo en Andrés durante estes meses:

Estiveches axudado por Andrés. Valora a súa aportación:

Pois a su aportación foi de dez pois grazas á súa colaboración abarcabamos o dobre entre os dous. Por exemplo, se eu ía á Gándara, el estaba na Malata. Viu tantos partidos coma min para facer a selección. Ademais, quitoume de enriba os quentamentos así coma o traballo dos porteiros. Tamén foi comigo á Coruña a ver o partido contra Lugo e viaxou el só a Lugo para ver o partido contra Coruña. Tamén realizou os labores de delegado, curoulles os golpes aos pequenos e fíxolles a estadía máis agradable. Despois dos nenos, se alguén merecía o premio de xogar a final, ese era Andrés. E tamén Álvaro, o directivo que se desvive polos chavales.

Teño entendido que este ano, a diferenza do primeiro, non compaxinaches o labor de seleccionador co de adestrador. Estás arrepentido ou consideralo máis acertado?

Fíxeno para ver a diferenza entre estar nos dous sitios e só na selección, co que me din conta que se todo sigue como esta temporada, non me causaría dificultades estar nun equipo e máis na selección.

Para a próxima temporada, que plans tes? Seguirás como seleccionador? Adestrarás algún equipo?

Espero seguir na selección, e se se dá a ocasión por que non coller tamén un equipo, sempre de categorías inferiores estamos a falar,

Parabéns polo labor realizado con estes rapaces, aos dous, a ti e a Andrés. Gabi, esperamos que sigas con ganas de traballar cos nenos desta comarca e que non perdas a ilusión e a vocación.

Por suposto, hai que recoñecerlle a sinceridade e honestidade, nunca se esconde nin evita aqueles temas que puidesen ser algo “delicados”. Grazas e sorte.

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.