Inicio Entrevistas Adestradores SELECCIONADOR ALEVÍN
 
 

SELECCIONADOR ALEVÍN

SDR NUMANCIA. SELECCIONADOR FERROLÁN ALEVÍN. DECEMBRO 2009GABI: “QUERO NENOS CON ILUSIÓN E COMPROMISO”
Ao remate do partido celebrado esta tarde en Prados Vellos conversamos con Gabi, seleccionador alevín de Ferrol por segundo ano. Antes de dirixir ao combinado alevín estivo adestrando durante catro temporadas no Cedeira, dous anos aos benxamíns e outros dous anos aos alevíns.

 

Ares, 30 de decembro de 2009
- Como e desde cando es seleccionador?
S.D.R. Numancia de Ares. Entrenadores Selección Alevín de Ferrol- Pois foi Lois (seleccionador sub-17) quen deu o meu nome na Federación. O ano pasado compaxinei os alevíns do Cedeira e selección, coa vantaxe de que xa coñecía os nenos desde que eran benxamíns de primeiro ano. Este ano tiven máis dificultades porque non os coñecía tanto. Tamén quero engadir que nesta temporada me  acompaña Andrés como segundo técnico.
- Cales son os primeiros pasos que dás para formar as convocatorias?
- Procuro preguntar aos dos adestradores dos equipos e asistir aos partidos que se celebran principalmente na Gándara e na Malata, dous campos polos que pasan case todos os equipos.
- A estas alturas, está pechado o grupo para o torneo Caixa Galicia?
- Non, nin moito menos. É certo que teño unha base pero na delegación ferrolá hai unhas 300 fichas de alevíns e sempre hai posibilidades de que se incorporen outros rapaces.
- Unha das polémicas que pairan nos foros comarcais, é a non convocatoria de Iago, xogador do Perlío. Podíamos coñecer a túa opinión ao respecto?
- Alégrame esta pregunta porque me vai permitir dar unha explicación pública deste tema. Quero aclarar que a Iago convoqueino o ano pasado para o último adestramento antes do derradeiro  partido do torneo Caixa Galicia, e  non asistiu e tampouco recibín aviso algún ou explicacións da súa non comparecencia. Sei que é un gran xogador e que vai á selección de fútbol-sala e cheguei a pensar que quizás preferise o fútbol-sala e non lle interesaba o fútbol. Tampouco teño problemas co pai como din nos foros, tan só matizar que quero nenos comprometidos e con ilusión por vir á selección.  Sei que o neno é moi bo e que vai adestrar co Deportivo pero tamén teño que dicir que na súa posición de dianteiro temos a Hugo e a Aarón, dous rapaces que, igual que Iago, están adestrando co Depor.
- Tamén se critica que non haxa xogadores do Portuarios.
- Eu vinos xogar e hai varios que poderían ir perfectamente a unha preselección pero por norma, en principio, chamamos a  cativos de segundo ano dada a importancia da forza física no torneo que imos disputar.
- Como valoras este equipo, repetirán os éxitos da campaña pasada?
- Por nivel futbolístico, si, pero nos falta algo de talla, de envergadura e como dixen antes, a forza física importa moito.

- O ano anterior había un líder claro no equipo, Enrique Fornos, e este ano, ves algún rapaz que poida asumir ese rol?
- Tan claro como Enrique non, pero no vestiario pode ser que algún por carácter ou por carisma poida desempeñar ese papel. Como futbolista non hai ningún e paréceme que pasará tempo sen ter outro Enrique. Pensemos que este rapaz acabou a temporada sendo o capitán da selección galega.
-  Que opinas do nivel de competición do fútbol alevín de Ferrolterra?
- Sinceramente,  teño que comentar que me parece moi baixo, moi frouxo.
- Paréceche adecuado o sistema de competición actual, tanto  para os equipos como para os nenos?
- Quizás fose conveniente suprimir a Copa e, no seu lugar, organizar unha segunda fase de liga, confeccionando os grupos en función da clasificación obtida na liga, p. ex. un grupo cos catro primeiros clasificados de cada grupo; un segundo grupo cos equipos clasificados entre o quinto e oitavo posto; e un terceiro grupo cos catro últimos clasificados. Desa maneira veriamos partidos máis equilibrados e disputados.
Con esta suxestión que moitos compartimos damos por finalizada esta entrevista con Gabi, ao que lle desexamos sorte no torneo Caixa Galicia. Moitas grazas por atendernos e respostar a todas as nosas preguntas.
 

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.