Inicio Entrevistas Adestradores Miguel Carballeira e Jose Antón
 
 

Miguel Carballeira e Jose Antón

ADR Numancia de Ares. Entrevista a Miguel Carballeira e Jose Antón, adestradores dos Afeccionados.

Entrevista a Miguel Carballeira e Jose Antón, adestradores dos Afeccionados

Entrevistábamos o pasado luns a Miguel Carballeira e Jose Antón, que continúan unha tempada máis á fronte do Numancia de 2ª Rexional. Tras unha tempada que non os deixou satisfeitos ao cen por cen, imos coñecer cales son os seus obxectivos e ilusións de cara á nova campaña:

ADR Numancia de Ares.  Josema entrevista a  los entrenadores de aficionados Miguel Carballeira y Jose Antón- A pasada tempada o equipo non pasou demasiados apuros e acadou un resultado que o deixou na zona media da táboa. Que buscades para esta nova tempada, manter esta dinámica ou buscar mellores resultados?

Jose Antón: A nosa intención é chegar máis arriba. De feito, o ano pasado por equipo e posicións xa podiamos telo conseguido, pero por circunstancias como lesións e demais non foi posible. De todos os xeitos, co bloque de equipo do que dispoñemos grazas aos reforzos, cremos que mellorar o resultado do ano pasado pode ser unha posibilidade.

- Aínda así asinastes unha temporada bastante sólida, cales credes que foron as claves para acadar ese resultado?

Miguel Carballeira: As claves foron manter o grupo ate case o último terzo da liga. Chegados a ese punto si que tivemos certos problemas como mencionaba o meu compañeiro. A nivel competitivo, teño a sensación de que en certos partidos non acadamos o resultado que deberiamos, e en certos puntos da tempada quedamos descolgados na clasificación, o que levou ao equipo a deixarse ir cara ao final da campaña.

- No verán o equipo reforzouse con varios xogadores que xa coñecen a categoría, ademais dos dous que suben de xuvenís, Fran e Raúl Anido. Por outra banda, tamén houbo baixas como a de Arnoso baixo os paus. Aínda é pronto para sacar conclusións, pero valorades este plantel coma mellor ou peor que o da pasada tempada?

JA: É complicado de explicar. O noso obxectivo é construir un equipo que reforce as posicións nas que tivemos baixas sensibles como a de Arnoso, pero reforzar estas posicións no deportivo tampouco é suficiente. Tamén buscamos que os xogadores amosen un compromiso que é clave nos momentos finais de tempada. O ano pasado no último terzo da campaña algúns xogadores non amosaron ese compromiso e iso repercutiu en non alcanzar cotas maiores, pero temos a esperanza de que esta nova tempada as cousas cambien.

- Imos ser un pouco máis directos. Con este plantel que confeccionastes, pensades que o ascenso pode ser un obxectivo realista?

MC: Bueno, penso que esta pregunta lle pega máis a Jose Antón, que é máis competitivo que eu! *risos* É moi difícil de valorar aínda, temos unha tempada por diante para valorar tanto ao noso equipo como aos rivais. Non fixemos moitas fichaxes, pero todas elas veñen a dar compromiso, e tamén esperamos que aqueles que xa estiveron as pasadas tempadas poidan dar un punto máis de rendemento en favor do equipo. Porén, en contra temos que os demais equipos tamén se reforzaron ben, e cremos que o nivel de esixencia de esta liga é superior ao da tempada pasada.

- A semana pasada comezastes os adestramentos de pretemporada. Xa tendo gañado o primeiro partido contra o Vilarmaior, cales son as sensacións que tedes do grupo con estas novas incorporacións?

JA: A primeira parte deixoume con moi bo sabor de boca polo ritmo e a intensidade, aínda que só levemos 3 adestramentos. O rival non era moi complicado, pero si que foi competitivo. En liñas xerais, o sábado volvín contento pola actitude dos xogadores.

- Quedounos claro que os xogadores polo momento teñen a actitude para afrontar a tempada, pero, xa entrando nun tema táctico,  sería interesante coñecer se faredes cambios no esquema que viñades utilizando.

MC: É unha cuestión complicada, xa que non temos un sistema fixo. Hai adestradores que se amoldan ao xogadores e outros que prefiren amoldar aos xogadores ao seu sistema. Nós preferimos ser quen constrúa o esquema en base ás características individuais e colectivas do equipo. Co que nós temos, podemos darlle matices diferentes ao equipo, ademais de introducir diferentes pautas tácticas. En función delas, poderíamos estar falando dun esquema que se amolde tanto ás nosas características como ás do rival e da competición. O verdadeiro problema no que nos temos que enfocar é atopar unha identidade, e imos coa idea de conseguila e que iso se reflicta na táboa de clasificación.

- Antes mencionabades que o compromiso é un factor necesario no equipo. Mais aló do compromiso, que esperades dos xogadores, tanto no deportivo coma no persoal?

JA: O único que nos podemos esixirlles é que compitan, pero o nivel de competición teñen que dalo eles, teñen que dar un paso adiante e querer acadar cotas maiores na competición. Se eles queren, evidentemente coa nosa axuda, pois sería moito máis fácil. E no tocante ao compromiso non pode reducirse ao compromiso con Miguel e comigo, ten que ser un compromiso total coa entidade, co Numancia de Ares, coa directiva, que traballan para desenvolver o que nos gusta no campo de xogo. Penso que ten que ser un nexo entre directiva, adestradores e xogadores. De aí ten que saír a mestura que nos faga competir, sexan cales sexan os resultados. O principal é competir, e competindo teremos mais probabilidades de estar arriba na táboa.

- Comentabades que aínda que non tedes un sistema fixo, evidentemente ambos os dous aportades as vosas pautas diferentes. Ao fío disto, todos os adestradores teñen unha filosofía, cal considerades que é a vosa?

MC: A filosofía é curiosa. Jose e mais eu nos entendemos moi ben en case todos os ámbitos do xogo, a táctica, os adestramentos, a lectura dos partidos… Pero falando da filosofía, aínda que adestremos xuntos temos diferentes matices. Isto non nos complica, nos enriquece bastante. A todo o mundo lle gusta o fútbol ofensivo, e estes últimos anos viñemos enfocándonos nel, un fútbol vistoso. Persoalmente eu prefiro un fútbol de ataque asociativo, pero Jose por exemplo prefire un estilo máis directo, máis vertical e profundo. Son matices diferentes para o equipo, e unha e outra se poden complementar para dar esa filosofía e identidade propia do equipo. O que sí é certo é que nos centramos no ataque máis porque temos xogadores de carácter máis ofensivo que defensivo, pero tamén somos conscientes das limitacións dos xogadores, se podemos competir ou non ante os demais equipos dun xeito determinado. En función do que eles nos amosen, esa filosofía tenderá máis cara a un lado ou cara o outro. Na 2ª Rexional impera o fútbol ofensivo, vertical e de finalización, porque os marxes de erro son moi grandes. Quizais tamén temos que tender a iso, para poder igualarnos aos outros equipos. Eu son consciente de que ao grupo lle custa ter un estilo de xogo no que controle a posesión, igual que á maioría de equipos da categoría, polo que sí que preferimos recurrir a unha practicidade que nos leve a bos resultados.

Moitas grazas pola entrevista tanto a Jose Antón como a Miguel Carballeira, moitos éxitos para esta nova tempada ao cargo dos Afeccionados! 


Entrevista realizada por José M. Loureiro Seijas (Josema), estudante de periodismo, veciño de Ares e antigo xogador das categorías  inferiores da ADR Numancia de Ares.

 

 

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.