Inicio Entrevistas Adestradores MARCOS, ADESTRADOR DO NUMANCIA DE AFECCIONADOS
 
 

MARCOS, ADESTRADOR DO NUMANCIA DE AFECCIONADOS

"FAREMOS O POSIBLE PARA GAÑAR ESTE DOMINGO AO GALICIA"

Marcos Amor, que seguirá unha temporada máis coma adestrador do equipo de afeccionados do Numancia, ofrécenos os seus comentarios tras o primeiro partido amigable co Cabanas e nas vésperas de verse co Galicia Mugardos. 

Ares, 12 de agosto de 2016. 

ADR Numancia de Ares. Marcos Amor e Manuel Cartelle nun encontro da temporada pasada.O domingo 14 de agosto, ás 19.00 h.o Galicia de Mugardos visitará Prados Vellos para disputarlle ao Numancia o trofeo das Festas de San Roque e pareceunos un bo motivo para entrevistar ao adestrador do Numancia, Marcos Amor, quen nos adianta un análise do que será o Numancia da temporada 2016/17.

- Xa arrancou a temporada 2016/17 e vides de disputar o primeiro amigable, como viches o equipo? 

- Con bastantes imprecisións pero moi contento por que iremos a máis grazas ao gran grupo de xogadores que hai. 

- Con respecto á temporada pasada, o Numancia presenta unhas 7 baixas. Que valoración che merecen? 

- Pois son baixas importantes porque son xogadores que levaban moitos anos no club, pero os deberes laborais e de estudos están sempre por riba do fútbol, cousa lóxica. Despois outras baixas prefiro non valoralas. 

- Entre as altas, a día de hoxe, destacan a presenza dun bo número de xogadores procedentes dos xuvenís. Estarán en condicións de mellorar o equipo? 

- Fixo que si. Este grupo de xogadores xa os tiven no meu ùltimo ano de xuvenís e son rapaces moi comprometidos, traballadores e sempre queren aprender e sobre todo humildes, cousa importante para crecer en todos os aspectos como xogadores ou coma persoas.

- Coma única fichaxe podemos citar a volta de Álex Marti. Leva tres anos sen xogar e non temes que acuse a inactividade? Que aportación esperas del? 

- Esta bastante verde, cousa lóxica despois de tanta inactividade pero como di o dito "quen tivo retivo" e con traballo será o Álex Marti de anos atrás. Pois esperamos de Álex que nos dea xogo aéreo, traballo defensivo sobrio e en ataque bo trato de balón, e algo de veteranía para un equipo moi novo.

- O cadro de xogadores, practicamente pechado, ofréceche garantías para intentar loitar polos primeiros postos? 

- Iso o tempo dirá onde estaremos pero nós sempre saímos a gañar en todos os campos así que se iso é así loitaremos con calquera para estar o máis arriba posible. 

- Se tiveses que reforzar o equipo nalgunha posición, cal sería esa principal necesidade? 

- En zonas de bandas, tanto en defensa como en medio campo. 

- Este domingo temos unha proba de alto nivel cos veciños de Mugardos. Aínda que descendidos de categoría, segue existindo unha diferenza importante entre un equipo de Preferente e outro de Segunda. Temes unha goleada? 

- Para nada, como dixen antes, saímos a gañar ante todos os rivais, sexan da categoría que sexan, así que faremos o posible para gañar aos veciños do Mugardos 

- Xa viviches algún derbi, aínda que fose co Mugardos B. Como valoras estes partidos? 

- Moi positivamente sempre é bo enfrontarse a equipos de superior categoría e a rivalidade sa sempre é positiva tanto para o  equipo como para os clubs. 

- Pensando na Liga, cales che parece que serán os equipos favoritos para estar nos primeiros postos? 

- Narón , Caranza, Perlío e Ortigueira. 

- Por certo, como explicas a retirada dun equipo histórico coma o Cariño? 

- Pois non me gusta porque é o de sempre, a xente busca fóra o que ten na casa e deixan tirados os seus amigos e clubs que fixeron todo por eles, para vivir novas experiencias. 

- Estás de acordo co actual formato da Liga? Como se podería mellorar? 

- Gústame máis o de hai dous anos, a liga de sempre sen liguiñas pero se este sistema serve para potenciar o fútbol de Ferrolterra hai que aceptar o que nos toca. 

- E a Copa de Ferrol? Algunha suxestión de mellora? 

- Para min a Copa está ben, non cambiaría nada. 

 

Pois ata aquí as primeiras impresións deste técnico, novo pero xa veterano na Liga de Ferrol, a quen lle desexamos os maiores do éxitos na temporada que está a piques de comezar.

 

 

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.