AFECCIONADOS. BARDANCA, ADESTRADOR DO NUMANCIA

BARDANCA: "IMOS PODER CUMPRIR UN DOS NOSOS SOÑOS" 

Fran Bardanca, un home da casa, é o elixido para substituír como adestrador do equipo de 2ª autonómica do Numancia a Carlos Rodríguez, quen presentou a súa demisión hai uns quince días. Difícil e complicada tarefa pero tamén unha oportunidade para respostar á confianza que deposita nel, xunto con Marcelino, a xunta directiva.

       Fran, vai ser a túa primeira experiencia cun equipo de afeccionados, coma primeiro adestrador. Como a afrontas?

       Cunha ilusión tremenda por adestrar ao equipo onde eu xoguei. Moitísima ilusión e sentimento.ADR Numancia de Ares. Francisco Javier Bardanca Garcia. Adestrador Afeccionados 2011-2012.

       Esperabades esta chamada do club?

       Colleunos de sorpresa, foi algo inesperado. Estabamos pensando en seguir vendo fútbol, pero sen adestrar. Aproveito para manifestar o noso agradecemento a esta xunta directiva por deixarnos cumprir un dos nosos soños, por darnos esta oportunidade.

       Pensas que é correcta esta decisión de contar coa xente da casa?

       O correcto é contar con todos os que queiran aportar algo. Pero si que me gustaría que participase máis xente relacionada coa sociedade, coma p.ex., ex – xogadores, principalmente.

       Nesta andaina que estás para comezar, temes algo?

       O único temor é que non sexa capaz de comunicar co equipo, que non exista entendemento cos xogadores.

       Como ves ao equipo de modestos?

       Se conservamos a base do ano pasado, sería de cine. Hai que pensar que a última temporada foi excelente. Se acaso, salientar que se notará a baixa de Oli, o capitán, tanto no campo coma no vestiario, xa que é un home de club.

       E haberá reforzos?

       O máis importante será recuperar dous ou tres rapaces que son de aquí, de Ares e que agora mesmo non estaban xogando no Numancia.

       Algunha posición especial para reforzar?

       Quizás un dianteiro e un medio centro creativo.

       Axudarache Marcelino. Como repartiredes o traballo?

       Ao cincuenta por cen. Tomaremos todas as decisións de mutuo acordo. Quizás Marcelino se centre máis no aspecto físico e eu no táctico.

       Como será a pretemporada?

       Moi física, queremos uns adestramentos curtos pero intensos. Todos sabemos que a base da condición física se adquire na pretemporada e consérvase durante o ano. A primeira media hora será de circuito exterior, e a hora restante traballaremos todo con balón, a parte técnica e táctica.

       Algunha sensación especial nestes prolegómenos?

       Pois si, poder volver a estar con xente coa que xa traballamos na época de xuvenís, como Bule, Vicente, Teti, Carlitos, Costa, García e outros, dá unha alegría especial.

       Da categoría, que esperas?

       Espero que teña maís nivel có ano pasado,

       Equipos que saen como favoritos?

       En principio, os de sempre: o Maniños, que sempre fai bo equipo; o Meirás,  o Cedeira, ... sempre están aí arriba.

       Cal será o obxectivo do Numancia?

       En canto á clasificación deberíamos estar nos cinco primeiros. Ademais, intentaremos conseguir que sexa unha temporada limpa de tarxetas e de bo xogo. Gustaríanos igualar a temporada na que estivo Manel, con escasas tarxetas e bo ambiente dentro do vestiario e coa directiva.

       Poderías indicar cales son os xogadores máis importantes da categoría?

       Non hai ningún especialmente, prima máis o conxunto. A última temporada, o Cariño tiña un once moi bo; o Maniños tiña bo equipo; debemos mirar sempre ao grupo, ao conxunto de xogadores.

ADR Numancia de Ares. Francisco Javier Bardanca Garcia. Adestrador Afeccionados 2011-2012.       Que queredes do equipo?

       Compromiso e respecto

       Como se traduce iso?

       Por compromiso, entendemos que é cumprir coa declaración inicial, respectar todos os acordos aos que se chegue no principio da temporada, tanto cos adestradores coma coa directiva, en definitiva, co club.

       Cando comezarán os adestramentos?

       A presentación está marcada para o venres, 29 de xullo, ás 20.15. e consistirá nun breve acto no que despois da charla de presentación coas declaracións pertinentes,  xogaremos un partidiño. E xa na semana seguinte teremos tres sesiós de adestramento, previas ao primeiro partido.

       Están previstos algúns partidos amigables?

       Si, practicamente temos todo pechado. A finais da primeira semana de agosto, o sábado 6 e o domingo 7, disputaremos o torneo organizado polo Maniños; o sábado 13, recibiremos en Prados Vellos ao Galicia de Mugardos, no tradicional torneo do concello de Ares; o domingo 21 iremos a Miño onde xogaremos un triangular co Bemantes e o Miño; e, finalmente, remataremos esta pretemporada co trofeo Picas, o domingo 28, no que nos enfrontaremos ao Galicia Mugardos B.

 

Como podemos comprobar, o Numancia vai completando o cadro técnico das distintas categorías, non sen dificultades, por certo. Nesta ocasión, a entidade aposta por dous ex-xogadores, Bardanca e Marcelino, que sen dúbida nos darán moitas alegrías. Saben que van recibir todo o apoio necesario. 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.